Mario_César_Monte_Castelo

Traballos nos petróglifos de Monte Castelo e A Peneda Negra (Ames, A Coruña)

Entre o verán e o outono do pasado 2016, realizáronse os traballos de limpeza e documentación para a posta en valor no petróglifo 2 de Monte Castelo e do control da retirada da vexetación efectuada no entorno do petróglifo da Peneda Negra (Ames, A Coruña).
Os traballos foron promovidos e supervisados polo Servizo de arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en colaboración co Concello de Ames, quen aportou os medios auxiliares para a roza e limpeza da vexetación.
A adxudicataria dos traballos foi a empresa BIC Materiales y Conservación, S.L. asumindo pola nosa parte a dirección arqueolóxica e coordinación do proxecto e correspondendo á restauradora Marta Díaz Fernández a responsabilidade nos traballos de conservación.

width="225"

Fotografía nocturna con luz rasante artificial no petróglifo 2 de Monte Castelo (Ames, A Coruña)

Entre outras actuacións realizouse o control arqueolóxico da limpeza da vexetación na parcela na que se localiza a Laxe 2 de Monte Castelo, revisáronse as rochas susceptibles de seren soporte de petróglifos o con visualización nocturna con luz rasante artificial, actuación que permitiu documentar un novo gravado rupestre, correspondente ao petróglifo 3 de Monte Castelo.
Con carácter previo ao inicio da limpeza da rocha realizouse un estudo e avaliación dos tipos de liques presentes na rocha e logo efectuouse a limpeza do soporte en seco e en húmido.
Realizouse o levantamento planimétrico en detalle dos gravados rupestres, rexistro fotográfico nocturno e rexistro do soporte e gravados mediante a técnica de fotogrametría, redactáronse e actualizáronse as fichas de inventario no modelo normativizado e foi levado a cabo o control arqueolóxico das labores de roza de vexetación do acceso ao lugar no que se localizan os gravados dende o camiño que limita a parcela ao S.
Para a parte de divulgación realizouse unha presentación dos traballos arqueolóxicos e de conservación promovidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dentro da visita didáctica nocturna organizada polo Colectivo A Rula e o Concello de Ames e se deron varias roldas de prensa.
En canto ao Petróglifo da Peneda Negra, efectuouse o control arqueolóxico da limpeza da vexetación e entorno, sendo executada por persoal aportado polo Concello de Ames.

panel_1_castelo_lua

Os paneis informativos do castelo de Rianxo – castelo da Lúa

Hai xa máis dun ano da presentación dos paneis informativos do castelo de Rianxo – castelo da Lúa . Este xacemento alberga os restos dunha fortaleza baixomedieval situada no litoral da Ría de Arousa, nunha pequena punta rochosa orientada ao NW, pechando o esteiro da desembocadura do río Te. Ademais dos vestixios da fortaleza medieval (séculos XIII-XV), consérvanse os restos dun forno de cerámica común de época moderna (séculos XVI a XVIII) construído en cachotería.
Tras a realización de varias intervencións arqueolóxicas na primeira década do século XXI, actualmente pódense observar parte dos alicerces das edificacións que o conformaban, así como rebaixes e buratos de postes, que indican a existencia de estruturas pétreas e de madeira, hoxe desaparecidas. Sen embargo o xacemento carecía de soportes de carácter informativo, que permitisen ao visitante a comprensión e entendemento dos elementos construtivos visibles, da diferenciación das fases construtivas e en definitiva da configuración arquitectónica e histórica do castelo.
Sigue lendo

Salinas romanas de Vigo fotografía Mario César Vila

As salinas romanas de Vigo

Grazas aos traballos desenvolvidos nas últimas décadas por parte da arqueoloxía profesional, púxose á luz a relevancia do enclave portuario e industrial de época romana e tardoantiga, baixo o subsolo e costa da actual cidade de Vigo (Pontevedra).
Desde as antigas referencias e achados, destacando o notable grupo epigráfico descuberto en 1953 nas rúas Pontevedra e Hospital, púidose precisar a información sobre a xénese e desenvolvemento do núcleo antigo, resultando fundamentais os datos obtidos nas intervencións arqueolóxicas, en base á escaseza das fontes literarias antigas referidas á zona.
Entre os restos exhumados, destacan as estruturas dun complexo salineiro de época altoimperial romana, singular en canto a dimensións, grao de conservación e ao feito de atoparse nun contexto estratigráfico selado, estendéndose sobre o que sería a liña de praia e marismas orixinais, actualmente baixo o subsolo principalmente das rúas Rosalía de Castro e Areal. Estas salinas producirían o conservante necesario para a exportación a diferentes escalas de peixes e outros produtos procedentes das rías, estando parte delas musealizadas, sendo visitables.
Sigue lendo

expreso_xulio_cid

Expreso e outros poemas da vía

O pasado venres 7 de outubro de 2016, tivemos o goce de participar na presentación do libro Expreso e outros poemas da vía (Círculo Rojo, Almería, 2016), publicado polo noso amigo e poeta Xulio Cid Neira. O libro recolle unha serie de poemas baseados en lembranzas da infancia e adolescencia do autor no barrio ourensá do Pino, aos pés da liña ferroviaria da estación Ourense-Empalme.

width="225"

As intervencións arqueolóxicas en Reza Vella puxeron de manifesto o carácter viario da zona dende época antiga

A nosa colaboración á obra consistiu na achega dun breve texto e unhas imaxes acerca das escavacións arqueolóxicas por nós dirixidas nos anos 2010 e 2011 no xacemento de Reza Vella, entre as liñas de ferrocarril Ourense-Vigo e Ourense-Santiago con motivo das obras da alta velocidade, en cuxo lugar xogaba o autor de cativo.
A presentación celebrouse no local do parque ferroviario da asociación Carrileiros, da man de Paco Boluda e Manuel Hernández, onde tivemos a sorte de coñecer a outros membros desta asociación vinculada á difusión da cultura ferroviaria galega, así como a familiares e amigos do autor.
O acto foi presentado por Paco Boluda, con contidos levados polo propio autor para a ocasión, acompañados do recitado de poemas por parte de Loli Cid. O ambiente foi completado cunha exposición de imaxes históricas vinculadas ao tren na capital ourensá, así como pezas musicais relacionadas con historias sobre o camiño de ferro.
Nesa presentación, ao igual que no libro, realizamos unha achega aos resultados das intervencións arqueolóxicas en Reza Vella, onde destacamos a importancia como núcleo viario do barrio do Pino e entorno dende época antiga ata a actualidade, sendo a vía de paso natural de Ourense cara o occidente e o mar.
O expreso avanza na noite polas vías dun tempo abandonado. Sobre o mar de coios regresa a Ourense-Empalme, a estación perdida onde unha vez a viaxe comezou.

Mario César Vila, Santiago de Compostela (A Coruña), 12-X-2016.

fachada_historia-large

Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

O pasado 16 de agosto de 2016 entrou en vigor a nova Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A presente normativa substitúe á Lei 8/95, define novos tipos patrimoniais e delega novas atribuciones nos concellos.
Segundo os seus redactores, esta lei permite unha simplificación sobre a materia que regula, desde o punto de vista lexislativo -coa derrogación doutros tres textos do mesmo rango-, administrativo -coa intención de reducir prazos e trámites- e da clasificación dos bens -rebaixando as tres categorías preexistentes a dúas, entre outros aspectos-.
Consolídase o réxime e niveis de protección previstos na Lei 8/95, introducindo medidas tendentes á súa mellora tanto, no nivel da regulación internacional, como no nivel da organización administrativa, na procura dunha simplificación.

A Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia define novos tipos patrimoniais e delega atribucións nos concellos

A Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia define novos tipos patrimoniais e delega atribucións nos concellos

Sigue lendo

Control arqueolóxico

Controis e seguimentos arqueolóxicos

O control arqueolóxico consiste na supervisión das remocións de terras, coa fin de avaliar a existencia ou non de restos estruturas, materiais ou evidencias arqueolóxicas, que puideran saír á luz co motivo de ditos movementos. Así mesmo contempla a documentación, protección de restos arqueolóxicos exhumados e o establecemento de medidas correctoras.
Nos últimos anos levamos realizando tarefas de control e seguimento arqueolóxico para obras de rehabilitación, execución de infraestruturas, seguimentos lineais, parques eólicos, parcelamentos, renovación de acometidas en cascos históricos, monumentos históricos e artísticos, etc.

Control arqueolóxico

Entendemos o control e seguimento arqueolóxico coma supervisión e coordinación de actuacións de diverso tipo

Sigue lendo

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Escavacións e sondaxes arqueolóxicas: introdución

A escavación arqueolóxica consiste na retirada de sedimentos do subsolo (terrestre ou subacuático), realizada coa finalidade de descubrir restos históricos, prehistóricos ou paleontolóxicos e os contextos con eles relacionados. As sondaxes arqueolóxicas definen aquelas actuacións realizadas sobre determinadas zonas acoutadas dun terreo (de xeito manual ou con medios mecánicos), coa finalidade de contrastar a existencia dun xacemento arqueolóxico, delimitar a súa área de extensión e coñecer a súa estratigrafía.

DSC_2777

A escavación arqueolóxica: programación, desenvolvemento e certificación

Esta constitúe a principal fonte de información que proporciona a escavación arqueolóxica, baseándose no estudo dos estratos, das súas relacións e dos materiais que neles se localizan.

As unidades estratigráficas son definidas coma o elemento de estratificación básico, correspondente a unha evidencia de modificación do terreo e que reflicte unha actividade determinada. Clasifícanse en depósitos (sedimentos), interfacies (cortes) e estruturas (construcións).

Sigue lendo

Vaso de Reza Vella. Peza do mes xuño 2016

Peza do mes no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Preséntase coma peza do mes de xuño de 2016 do Museo Arqueolóxico provincial de Ourense un vaso recollido nas escavacións realizadas en Reza Vella (Ourense).

A presentación terá lugar o mércores 8 de xuño ás 20.00 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense) a cargo de Ana María Veiga Romero e de entrada libre.

Con motivo das obras de construción do corredor da alta velocidade, entre os anos 2010 e 2011 realizáronse unha serie de intervencións arqueolóxicas en Reza Vella, no espazo ocupado entre as liñas de ferrocarril Ourense-Vigo e Ourense-Santiago.

Sabíase de restos e noticias sobre vestixios arredor da antiga capela de Reza, entre os que destaca a coñecida como “ventá mozárabe”.

As intervencións arqueolóxicas permitiron poñer á vista os restos dunha calzada romana –baixo a cal se dispuña outra anterior-, con dirección E-W. Este achado veu corroborar a importancia da zona como vía natural de paso de Ourense cara as comunicacións co occidente. De feito, que actualmente se concentren numerosas vías de comunicación por esta franxa (ferrocarril, estrada vella, enlaces á autovía, etc) amosan o carácter viario da zona. A riqueza termal da zona e probablemente a importancia da minería, serían outros dos alicerces que levarían á construción desta vía e do enclave que medrou da par dela, xa dende antigo.

Dese xeito, a intervención puxo ao descuberto outros vestixios a ambas marxes da calzada de singular relevancia. Entre eles destaca unha necrópole que contempla os ritos de cremación e inhumación, un forno de fabricación de cerámica común ou un pozo.

Petróglifo 1 de A Estada (Pontevedra)

A prospección arqueolóxica: introdución

Monte Pilotiño (Rianxo)

A prospección arqueolóxica como procura de información en campo

A prospección arqueolóxica engloba unha serie de traballos de gabinete e de campo, encamiñados á localización de xacementos arqueolóxicos, bens e datos culturais ou coñecementos históricos acerca de feitos acontecidos nunha determinada zona. A prospección trátase dunha procura de xeito metódico mediante o uso de información procedente de diferentes fontes. A prospección de carácter superficial encamíñase cara o rexistro, parcial ou completo, dos xacementos dunha área xeográfica delimitada, dos cales existen restos visibles ou indicios da súa existencia no pasado ou actualmente, sen a realización de escavacións ou movementos de terras.

A prospección resulta o procedemento básico de cara á localización de xacementos arqueolóxicos e bens culturais, encamiñada á realización de inventarios para as administracións públicas, planeamentos municipais, valoración de impactos sobre o patrimonio cultural de proxectos de diversa índole ou a delimitación do alcance de posibles alteracións sobre bens (lumes forestais, axentes naturais, accidentes, obras non controladas, etc). Sigue lendo

horizontenorte

Presentación

Mario_1555

Mario César Vila, director de Horizontenorte

Con experiencia amosada e con coñemento da realidade inmediata, ponse en marcha o presente proxecto, vinculado á xestión arqueolóxica integral e do patrimonio cultural en xeral.

O presente portal é o escaparate a partires do cal facemos a presentación profesional dos nosos servizos, traballos e outra información que poda resultar de interese.

A páxina componse de catro bloques fundamentais, que abranguen o ámbito e alcance dos nosos servizos: Arqueoloxía, Patrimonio, Historia e Enxeñaría Cultural.  Neles amosamos a nosa filosofía e sinalamos os servizos que ofrecemos.

Noutra orde, engádese un apartado de textos no que se irá incluíndo información que pode resultar de utilidade. Está destinado principalmente a aquelas persoas, empresas ou entidades ás que se lle solicite a presentación dun proxecto arqueolóxico, así como a profesionais ou estudantes vinculados ao sector ou simplemente a aquelas persoas que procuren ampliar información.

Sigue lendo