expreso_xulio_cid

Expreso e outros poemas da vía

O pasado venres 7 de outubro de 2016, tivemos o goce de participar na presentación do libro Expreso e outros poemas da vía (Círculo Rojo, Almería, 2016), publicado polo noso amigo e poeta Xulio Cid Neira. O libro recolle unha serie de poemas baseados en lembranzas da infancia e adolescencia do autor no barrio ourensá do Pino, aos pés da liña ferroviaria da estación Ourense-Empalme.

width="225"

As intervencións arqueolóxicas en Reza Vella puxeron de manifesto o carácter viario da zona dende época antiga

A nosa colaboración á obra consistiu na achega dun breve texto e unhas imaxes acerca das escavacións arqueolóxicas por nós dirixidas nos anos 2010 e 2011 no xacemento de Reza Vella, entre as liñas de ferrocarril Ourense-Vigo e Ourense-Santiago con motivo das obras da alta velocidade, en cuxo lugar xogaba o autor de cativo.
A presentación celebrouse no local do parque ferroviario da asociación Carrileiros, da man de Paco Boluda e Manuel Hernández, onde tivemos a sorte de coñecer a outros membros desta asociación vinculada á difusión da cultura ferroviaria galega, así como a familiares e amigos do autor.
O acto foi presentado por Paco Boluda, con contidos levados polo propio autor para a ocasión, acompañados do recitado de poemas por parte de Loli Cid. O ambiente foi completado cunha exposición de imaxes históricas vinculadas ao tren na capital ourensá, así como pezas musicais relacionadas con historias sobre o camiño de ferro.
Nesa presentación, ao igual que no libro, realizamos unha achega aos resultados das intervencións arqueolóxicas en Reza Vella, onde destacamos a importancia como núcleo viario do barrio do Pino e entorno dende época antiga ata a actualidade, sendo a vía de paso natural de Ourense cara o occidente e o mar.
O expreso avanza na noite polas vías dun tempo abandonado. Sobre o mar de coios regresa a Ourense-Empalme, a estación perdida onde unha vez a viaxe comezou.

Mario César Vila, Santiago de Compostela (A Coruña), 12-X-2016.