Salinas romanas de Vigo fotografía Mario César Vila

As salinas romanas de Vigo

Grazas aos traballos desenvolvidos nas últimas décadas por parte da arqueoloxía profesional, púxose á luz a relevancia do enclave portuario e industrial de época romana e tardoantiga, baixo o subsolo e costa da actual cidade de Vigo (Pontevedra).
Desde as antigas referencias e achados, destacando o notable grupo epigráfico descuberto en 1953 nas rúas Pontevedra e Hospital, púidose precisar a información sobre a xénese e desenvolvemento do núcleo antigo, resultando fundamentais os datos obtidos nas intervencións arqueolóxicas, en base á escaseza das fontes literarias antigas referidas á zona.
Entre os restos exhumados, destacan as estruturas dun complexo salineiro de época altoimperial romana, singular en canto a dimensións, grao de conservación e ao feito de atoparse nun contexto estratigráfico selado, estendéndose sobre o que sería a liña de praia e marismas orixinais, actualmente baixo o subsolo principalmente das rúas Rosalía de Castro e Areal. Estas salinas producirían o conservante necesario para a exportación a diferentes escalas de peixes e outros produtos procedentes das rías, estando parte delas musealizadas, sendo visitables.

DSC_2777

A arqueoloxía profesional como base para a investigación e o coñecemento

Desde hai máis dunha década levamos traballando na dirección de proxectos arqueolóxicos, así como no ámbito da investigación, en relación ás orixes, esplendor e colapso do Vigo antigo, sendo obxecto de análise na nosa tese de licenciatura, defendida en febreiro de 2016 na Universidade de Santiago de Compostela. Estes esforzos permitiron adquirir unha posición privilexiada -doutorado e dirección arqueolóxica-, o que nos sitúa en coñecedores da realidade arqueolóxica desde diferentes visións como a científica, técnica, administrativa ou legal, factores que facilitan a programación e xestión de intervencións arqueolóxicas dun xeito eficiente.

Publicado en Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.