A cerámica representa unha das manifestacións máis importantes dentro da historia da humanidade no que atinxe á súa historia material. En arqueoloxía constitúe a evidencia física máis numerosa con avantaxada diferenza respecto ao resto dos vestixios non perecedoiros que se rexistran nas escavacións.
Mediante o emprego do método tipolóxico-comparativo pódese acceder ao contexto produtivo no que foi fabricado un material, así como á súa cronoloxía ou fase histórica. No estudo e clasificación dos materiais cerámicos, trátase do procedemento básico que procura de xeito sistemático, as similitudes tipolóxicas e formais entre unhas e outras pezas, permitindo a adscrición a horizontes cronoculturais definidos. A tipoloxía baséase nun sistema de clasificación fundamentado nos atributos, tales como a forma, a decoración, a manufactura ou a funcionalidade. Unha vez que as pezas son clasificadas mediante tipos, pódese analizar a súa distribución temporal e espacial, procedencia e evolución, permitindo determinar que tipos están relacionados, tanto en contextos próximos coma afastados.