Entre finais do 2012 e inicios do 2103 desenvolveuse unha intervención arqueolóxica dirixida pola arqueóloga Manuela Pérez Mato na que participamos como equipo técnico, no subsolo do edificio nº 11 da rúa da Raíña de Santiago de Compostela. A intervención posibilitou a localización de restos e obxectos en materia orgánica, correspondentes a madeira, coiro e sementes, asociados a cerámicas medievais. A permanente humidade dos niveis estratigráficos, permitiu a preservación de ditos materias nun excepcional estado de conservación, datados no século XIII.
Do contexto pechado no interior do pozo medieval, datado mediante radiocarbono na primeira metade do século XIII, atopouse un elenco de pezas de cociña e de mesa fabricadas en madeira e un botín de coiro, contextualizados con varias cerámicas do tipo ola de bordo horizontal cóncavo, así coma fragmentos dunha sítula de bronce.
Para o estudo dos materiais procedentes dos traballos arqueolóxicos efectuados, realizouse unha análise formal e descrición dos mesmos, a fin de proceder á súa interpretación e contextualización. Este estudo acaba de ser publicado polo Boletín do Museo Provincial de Ourense.
Algúns dos materiais aquí presentados, poden contemplarse nas vitrinas do Museo da Cidade e das Peregrinacións de Santiago de Compostela.