Mario_César_Vila_bosque_Holoceno_3

Hai 8.000 anos Vigo e parte da sua ría eran un bosque

Con motivo da dirección das actuacións arqueolóxicas realizadas na Parcela 4 da U.A. I-06 Rosalía de Castro 2 de Vigo (Pontevedra), efectuadas coma membro do equipo da empresa GESIT ARQUEOLOXÍA, en agosto dos 2018 foron localizados a 13 m de profundidade respecto da actual rúa, madeiras en forma de troncos e polas que indican a presenza dun antigo bosque de inicios do Holoceno, cuns 8.000 anos de antigüidade, segundo aportaron os resultados das datacións radiocarbónicas practicadas.

O xacemento con paleoflora estudado, constitúe un rexistro inédito no contexto da cidade de Vigo e galego. Conta dunha ampla acumulación de diferentes elementos de vexetación superior, en perfecto estado de conservación, aínda que sen mineralizar, que constitúen os restos dun bosque desenvolto sobre substrato areoso e cuberto de fangos en condicións de humidade permanente, feito que permitiu a súa conservación.

Estes restos constitúen un exemplo único coñecido no contexto do NW da Península Ibérica neste rangos de profundidade. Á espera da identificación taxonómica dos individuos representados, os datos actuais fan pensar que se trata de especies de condicións frías.

Vista xeral dos restos do bosque

Vista xeral dos restos do bosque

Horizontenorte_hórreo_Redondela

Coordinación dos traballos de recuperación do Hórreo sito na estación de ferrocarril de Redondela (Pontevedra)

Correspóndese cun hórreo de tipo mixto e planta rectangular. A cuberta disponse a dúas augas con tella curva do país que se asenta sobre unha estrutura en madeira. A cámara tamén está integramente realizada en madeira e pintada de vermello. Os apoios compóñense de tres pares de pés de pedra labrados con outros tantos tornarratos circulares. Nos apoios presenta unha característica peculiar xa que os tres pés do lateral S son máis curtos que os pés do lateral N. O elemento emprazábase nunha zona de pendente, adaptándose a esta solución para salvar o desnivel. No intre de inicio das obras o hórreo estaba en desuso e o seu estado de conservación era malo, sobre todo na cuberta, que se atopaba vencida.

Ao estar afectado de xeito crítico polas obras da Liña da Alta Velocidade, deseñouse un plan de traslado daqueles elementos recuperables e de reconstrución das partes non reparables.

Dentro das medidas correctoras, realizouse a documentación completa (gráfica, fotográfica e de compilación de información relativa á súa construción), así como o traslado e novo emprazamento nun lugar do entorno, nun lugar similar ao que se atopaba inicialmente, respectando os materiais orixinais.

Entre xuño e xullo de 2012 procedeuse á reconstrución do hórreo. Para elo instaláronse primeiramente os pés, nunha zona con caída do terreo, a fin de manter a súa fisionomía orixinal, adaptada ao terreo. Debido ao mal estado da madeira, foi necesario substituír os materiais orixinais por pezas novas, deseñadas de xeito mimético, en madeira de castiñeiro.

O hórreo foi reconstruído seguindo fielmente o modelo orixinal, estando visible ao público na nova estación do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, en Redondela (Pontevedra).

Traballos de recuperación do hórreo de madeira

Traballos de recuperación do hórreo de madeira

Horizontenorte_arqueoloxía_tala_contorno_petróglifos

Limpeza, roza e tala preventiva nas zonas de cautela dos petróglifos do monte de San Miguel en Villestro (Santiago de Compostela)

INTRODUCIÓN
Entre novembro e decembro de 2018 efectuamos a roza de vexetación e tala dalgúns eucaliptos nas zonas de cautela dos petróglifos do Monte de San Miguel, na parroquia de Villestro, pertencente ao Concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

O proxecto arqueolóxico, promovido polo Concello de Santiago de Compostela, veu motivado pola situación na que se atopaban boa parte dos afloramentos con gravados de arte rupestre localizados no Monte San Miguel, ante o risco de reprodución de lumes forestais, coma acontecera en episodios pasados e que afectaron á integridade dos mesmos, así como pola necesidade de mantemento dunha contorna de protección limpa e visible arredor dos gravados.

OBXECTO
En xullo de 2016, propagouse un lume forestal no Monte San Miguel que calcinou unha superficie aproximada de 21,3 hectáreas de monte. O incendio afectou a unha zona caracterizada por posuír unha alta concentración de estacións de arte rupestre, que daquela estaban sen catalogar e que sufriron en maior ou menor medida a acción directa das lapas, así como outros danos ocasionados durante a extinción do lume.
Para evitar que feitos como este volvan a acontecer nos vindeiros meses, especialmente coa chegada do estío, levouse a cabo unha intervención orientada a eliminar a vexetación do entorno inmediato dos paneis de arte rupestre, procurando con isto garantir a súa conservación ante a eventual proliferación dos lumes forestais.
As tarefas realizadas contribúen ademais a facilitar a apreciación das distintas estacións de arte rupestre, así como o acceso ás mesmas, sentando con isto as bases para a súa divulgación e posta en valor.

Traballos de roza e retirada de vexetación na contorna dos afloramentos con gravados rupestres prehistóricos

Traballos de roza e retirada de vexetación na contorna dos afloramentos con gravados rupestres prehistóricos

CARACTERÍSTICAS DOS GRAVADOS
Os 29 paneis de arte rupestre que foron obxecto da intervención de limpeza, localízanse na parroquia de Villestro, pertencente ao concello coruñés de Santiago de Compostela.
Están situados fundamentalmente na ladeira Sur do Monte de San Miguel, ao pé do val de Villestro. A pesar de que este conxunto de petróglifos non pode ser considerado, nin moito menos, como representativo da arte rupestre galaico, cómpre sinalar que comparte unha serie de características, no que respecta ao emprazamento e localización das estacións con arte rupestre, co que se coñece para outras zonas máis intensamente abordadas dende a investigación.
Neste senso, a maioría das estacións rupestres están localizadas na franxa altimétrica comprendida entre os 100 e os 300 metros sobre o nivel do mar, con excepción de “Alto do Penedo Branco” que está emprazado a unha altura de 339 metros. este patrón de asentamento é común a practicamente todos os territorios con arte rupestre do NW peninsular.
O feito de que os petróglifos estean localizados fundamentalmente en latitudes medias tense relacionado con zonas que permiten un tránsito máis sinxelo dende as terras baixas cara as latitudes máis elevadas. Así mesmo, o feito de localizarse en abas orientadas cara os vales, podería estar relacionado co suposto papel demarcador que terían os petróglifos sobre aquelas áreas de especial importancia económica ou social para as comunidades prehistóricas.

TRABALLOS REALIZADOS
Con carácter previo ao inicio dos traballos, foron localizadas e revisadas todas as estacións con gravados e delimitouse a área a intervir. A continuación realizouse un rexistro documental fotográfico do estado no que se atopaba a contorna dos diferentes xacementos. Ao rematar os traballos, realizouse un novo rexistro documental fotográfico de todas as áreas rozadas.
A intervención realizada consistiu fundamentalmente na limpeza da matogueira que cubría a superficie, contorna e acceso dos xacementos anteriormente sinalados. O rozado do mato realizouse con medios manuais e sempre baixo a supervisión e dirección dos arqueólogos integrantes do equipo técnico do proxecto. Ademais disto, foi talada e retirada aquela vexetación arbórea de pequeno tamaño que medraba a carón dos paneis de arte rupestre, agás os exemplares de árbores autóctonas.
Non se realizou unha limpeza en profundidade para eliminar liques ou fungos nin de ningunha outra materia adherida aos soportes rochosos. Tampouco ser retirou o sedimento que se depositou nas roturas e diaclases das rochas, para evitar desprendementos da mesma. Os traballos tampouco contemplaron o arranque de raíces ou a realización de movementos de terras.
A limpeza da vexetación dividiuse en catro tipos:
1. Retirada dos restos de vexetación morta que se acumulaban sobre os paneis de arte rupestre e a corta daquela que nacía entre as fracturas das rochas con gravados. Estes traballos leváronse a cabo mediante o uso de tesoiras, instrumentos brandos de madeiras, cepillos de púas brandas, anciño de púas de plástico e soprador mecánico.
2. Roza total mediante a rozadora de mochila con cabezal triturados de 2 dentes para as matogueiras e especias arbóreas invasivas que medran no entorno e no acceso dos xacementos.
3. Roza selectiva na superficie con cabezal de fío de nailon da contorna máis inmediata dos paneis de arte rupestre, así como da contorna doutras laxes situadas dentro das zonas de intervención, coa finalidade de non afectar a posibles a eventuais gravados que puideran ter e que se manteñen descoñecidos por non ser visibles.
4. Tala das árbores de pequeno porte situadas no entorno máis inmediato dos petróglifos, agás as especies arbóreas autóctonas. A madeira derivada desta tala foi apiada e retirada. As árbores cotáronse a ras de chan sen necesidade de realizar movementos de terra e as raíces e tocóns non foron retirados.
Ademais do arqueólogo director e do equipo técnico encargados do control arqueolóxico, formaron parte do equipo encargado de executar o proxecto, varios operarios especializados en labores forestais. Así mesmo foron postos a disposición dos traballos a maquinaria e vehículos necesarios para o axeitado desenvolvemento dos mesmos.

Horizontenorte_túmulo_4

Roza e tala mediante metodoloxía arqueolóxica en túmulos megalíticos

Dentro dos traballos realizados no pasado 2018, queremos chamar a atención sobre as accións de roza e tala da plantacións de eucaliptos realizada sobre túmulos megalíticos. Neste caso recollemos coma exemplo, os realizados no Túmulo de Vilar de Arriba (GA15060021) localizado na parroquia de Santa María de Deixebre no concello de Oroso (A Coruña).
Para poder recoñecer, identificar e delimitar o túmulo sobre o terreo, realizouse unha roza da touza e tala de eucaliptos dispostos sobre a masa tumular, así coma nunha faixa mínima de 10 metros ao redor da periferia da mesma.

Estado previo do túmulo, totalmente cuberto de maleza

Estado previo do túmulo, totalmente cuberto de vexetación

Os traballos non contemplaron a remoción de terras e foron destinadas a deter a acción das raíces, mediante a corta das árbores a ras de chan, sen afectar ao terreo.
Esta actuación consistiu na tala do arborado, roza e desbroce da vexetación, coa retirada da mesma da zona. Realizouse a tala dos eucaliptos sen arranque ou levantamento dos tocóns, coa fin de evitar alteracións das estruturas ou sedimentos da mámoa.

Traballos de tala con coidado de non afectar á masa tumular

Traballos de tala con coidado de non afectar á masa tumular

Os traballos efectuáronse mediante o uso mixto de medios manuais e mecánicos lixeiros, manténdose especial coidado na tala e retirada dos eucaliptos dispostos sobre a masa tumular, sen ser arrincadas raíces. Así mesmo evitouse o uso de maquinaria ou vehículos sobre o xacemento arqueolóxico, realizándose a retirada da madeira tamén de de xeito manual.

Detalle dun tocón talado a ras de sedimento

Detalle dun tocón talado a ras de sedimento

Castro_Cálago_2017_César-Vila_Alonso-Toucido

Resultados das sondaxes arqueolóxicas realizadas no 2017 no castro e mosteiro de Cálago, Vilanova de Arousa (Pontevedra)

A Revista de Estudos Valleinclanianos e Históricos “Cuadrante”, ven de publicar no seu último número (36), o traballo acerca dos resultados das sondaxes arqueolóxicas realizadas no 2017 no castro e mosteiro de Cálago en Vilanova de Arousa (Pontevedra).
A intervención por nós dirixida e codirixida polo arqueólogo Francisco Alonso Toucido (Estela Arqueoloxía), realiza unha achega aos resultados dos traballos arqueolóxicos realizados no verán de 2017 no xacemento.
A intervención desenvolveuse entre agosto e setembro de 2017, sendo promovida a través dun convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e Concello de Vilanova de Arousa, co obxectivo de fomentar o coñecemento e avaliar a potencialidade arqueolóxica do xacemento arqueolóxico do castro e mosteiro de Cálago .
O castro de Cálago atópase inventariado co código GA36031007 e sitúase na parroquia de San Cibrán de Cálago no lugar do O Campanario, a uns 100 m da liña de costa actual, emprazado nun promontorio que, antes do proceso de construción no litoral, dominaría a nivel visual boa parte da ría de Arousa e do val interior.
O obxecto dos traballos de sondaxe consistiu no estudo arqueolóxico do subsolo do xacemento, así coma a documentación e conservación dos restos, evidencias ou materiais arqueolóxicos que foron documentados no transcurso desta labor.

Terra Sigillata Hispánica, Forma 15/17, procedente da intervención realizada no castro de Cálago en 2017

Terra Sigillata Hispánica, Forma 15/17, procedente da intervención realizada no castro

HORIZONTENORTE_OK

Información seguimento e avaliación de proveedores

Informámoslle que HORIZONTENORTE, seguindo os requisitos do sistema de calidade baseado na norma ISO 9001: 2015 que implementamos, avalía anualmente o desempeño de todos os seus provedores de bens e servizos, en función do número de incidentes rexistrados ao longo do ano, período analizado, así como da súa importancia.

boletin_auriense_47

Materiais arqueolóxicos orgánicos en contextos medievais e modernos: Resultados da intervención realizada no inmoble da Rúa da Raíña nº 11 (Santiago de Compostela, A Coruña) .

Entre finais do 2012 e inicios do 2103 desenvolveuse unha intervención arqueolóxica dirixida pola arqueóloga Manuela Pérez Mato na que participamos como equipo técnico, no subsolo do edificio nº 11 da rúa da Raíña de Santiago de Compostela. A intervención posibilitou a localización de restos e obxectos en materia orgánica, correspondentes a madeira, coiro e sementes, asociados a cerámicas medievais. A permanente humidade dos niveis estratigráficos, permitiu a preservación de ditos materias nun excepcional estado de conservación, datados no século XIII.
Do contexto pechado no interior do pozo medieval, datado mediante radiocarbono na primeira metade do século XIII, atopouse un elenco de pezas de cociña e de mesa fabricadas en madeira e un botín de coiro, contextualizados con varias cerámicas do tipo ola de bordo horizontal cóncavo, así coma fragmentos dunha sítula de bronce.
Para o estudo dos materiais procedentes dos traballos arqueolóxicos efectuados, realizouse unha análise formal e descrición dos mesmos, a fin de proceder á súa interpretación e contextualización. Este estudo acaba de ser publicado polo Boletín do Museo Provincial de Ourense.
Algúns dos materiais aquí presentados, poden contemplarse nas vitrinas do Museo da Cidade e das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

Bandexa medieval localizada na rúa da Raíña de Santiago de Compostela

Bandexa medieval localizada na rúa da Raíña de Santiago de Compostela

CEG_131_Mario_CÉSAR_VILA_4

Estudo da cerámica medieval de Cova Eirós (Triacastela, Lugo)

Un dos alicerces da nosa labor investigadora, céntrase na cerámica de Época Medieval. Nesta liña, queremos destacar un importante traballo de recente publicación en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela , centrado na relevancia desta cerámica e da información que se pode extraer a partires do seu estudo, localizada a partires das intervencións realizadas no xacemento prehistórico e histórico de Cova Eirós (Triacastela, Lugo) e publicada no último número dos Cadernos de Estudos Galegos.

As intervencións arqueolóxicas efectuadas a partir do ano 2008 no xacemento de Cova Eirós (Triacas-tela, Lugo), puxeron á luz evidencias materiais de diferentes contextos cronolóxicos. Neste traballo abórdase a análise e interpretación dun dos elementos da cultura material máis representativo dos depósitos de Cova Eirós, correspondente á cerámica de época histórica. Destaca a ampla presenza de tipos de época medieval, principalmente da fase inicial e plena e de xeito testemuñal de Época Romana e Tardorromana. O groso destes materiais cerámicos pertence á produción de cerámica gris medieval do Noroeste peninsular, sendo identificadas formas inéditas, canto menos dende o punto de vista historiográfico. Así mesmo, destácase a excepcional posición estratigráfica de boa parte destes materiais, vinculados a contextos pechados (foxas), sobre as que se levan realizando datacións radiocarbónicas, permitindo asociar estas formas a datacións de carácter absoluto. Deste xeito, as ocupacións medievais de Cova Eirós poden considerarse como o reflexo dos cambios na estruturación territorial que se producen entre os séculos VIII-XI no Noroeste peninsular e que son a raíz do poboamento rural galego.

Ola de cerámica común gris medieval localizada en Covas Eirós e obxecto de análise

Ola de cerámica común gris medieval localizada en Covas Eirós e obxecto de análise

Reza_Vella_Mario_César_Vila

Carballo, freixo e piñeiro: o papel da leña nos rituais funerarios no xacemento romano de Reza Vella (Ourense)

Dentro dos traballos de investigación publicados neste ano, queremos destacar o estudo sobre as madeiras localizadas nos contextos funerarios no xacemento romano de Reza Vella na contorna da cidade de Ourense, realizado conxuntamente coa investigadora arqueobotánica María Martín Seijo e publicado polo prestixiosa revista Archaeological and Anthropological Sciences.

O obxectivo deste traballo centrouse na análise do papel da leña nos ritos funerarios romanos de cremación. O estudo de caso de Reza Vella (Ourense) proporciona información valiosa sobre os usos e o papel das plantas nun contexto funerario no noroeste da península ibérica. Os datos arqueobotánicos dos cemiterios romanos nesta área son moi escasos, pero proporcionan información valiosa sobre as costumes funerarias introducidas polo Imperio Romano nas provincias e como esta interacción podería reflectirse no manexo da leña. As estruturas relacionadas cos ritos de cremación inclúen contextos primarios e secundarios. Os restos de carbón recuperados dentro das estruturas de tipo bustum, son os restos do combustible queimado durante a cremación dos cadáveres. Nestes contextos primarios, os taxóns omnipresentes foron carballo, freixo e piñeiro. Foron identificados outros taxóns, coma o salgueiro, a ameixeira ou o erbedo en enterros secundarios. Unha combinación de diferentes factores probablemente, determinou a súa selección para fins de cremación, como a súa dispoñibilidade nos arredores da necrópole, o acceso diferencial aos recursos de madeira, o seu potencial de calor, aspectos técnicos relacionados coa súa explotación e ata aspectos conceptuais, como o seu significado simbólico.

Fosa de incineración con vaso cerámico en Reza Vella (Ourense)

Fosa de incineración con vaso cerámico en Reza Vella (Ourense)

IV_curso_Arte_Salnés

Participación no IV curso de verán “Arte, Historia, Xeografía e Cultura na comarca do Salnés: Alén da igrexa”

Do 16 ao 19 de xuño celébrase no Pazo de Vista Real de Vilanova de Arousa (Pontevedra) o IV curso de verán “Arte, Historia, Xeografía e Cultura na comarca do Salnés:Alén da igrexa”,, no que participaremos xunto ao arqueólogo Franisco Alonso Toucido coa presentación “Castro e mosteiro de Cálago. Últimos estudos arqueolóxicos”.

Os arqueólogos Mario César e Francisco Alonso durante a intervención no castro de Cálago (Vilanova de Arousa, Pontevedra)

Os arqueólogos Mario César e Francisco Alonso durante a intervención no castro de Cálago (Vilanova de Arousa, Pontevedra)

No curso farase unha achega aos resultados dos traballos arqueolóxicos realizados no verán de 2017 no castro e mosteiro de Cálago.

A intervención desenvolveuse entre agosto e setembro de 2018, sendo promovida a través dun convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e Concello de Vilanova de Arousa, co obxectivo de fomentar o coñecemento e avaliar a potencialidade arqueolóxica do xacemento arqueolóxico do castro e mosteiro de Cálago.

O castro de Cálago atópase inventariado co código GA36031007 e sitúase na parroquia de San Cibrán de Cálago no lugar do O Campanario, a uns 100 m da liña de costa actual, emprazado nun promontorio que, antes do proceso de construción no litoral, dominaría a nivel visual boa parte da ría de Arousa e do val interior .