panel_1_castelo_lua

Os paneis informativos do castelo de Rianxo – castelo da Lúa

Hai xa máis dun ano da presentación dos paneis informativos do castelo de Rianxo – castelo da Lúa . Este xacemento alberga os restos dunha fortaleza baixomedieval situada no litoral da Ría de Arousa, nunha pequena punta rochosa orientada ao NW, pechando o esteiro da desembocadura do río Te. Ademais dos vestixios da fortaleza medieval (séculos XIII-XV), consérvanse os restos dun forno de cerámica común de época moderna (séculos XVI a XVIII) construído en cachotería.
Tras a realización de varias intervencións arqueolóxicas na primeira década do século XXI, actualmente pódense observar parte dos alicerces das edificacións que o conformaban, así como rebaixes e buratos de postes, que indican a existencia de estruturas pétreas e de madeira, hoxe desaparecidas. Sen embargo o xacemento carecía de soportes de carácter informativo, que permitisen ao visitante a comprensión e entendemento dos elementos construtivos visibles, da diferenciación das fases construtivas e en definitiva da configuración arquitectónica e histórica do castelo.

DSC_2777

Panel sobre a pasarela que voa os restos da fortaleza medieval rianxeira

Coa fin de suplir a carencia de información e potenciar a posta en valor dos restos exhumados, realizouse unha proposta que contemplou o deseño, elaboración e instalación, de tres paneis informativos exteriores que difundisen as orixes, contexto histórico e funcións do antigo castelo da Lúa, así como do forno cerámico de época moderna visible. Hoxe os paneis serven de punto de información e observatorio para os veciños e visitantes que se achegan ata o castelo de Rianxo, aproveitando o paseo marítimo, nun marco paisaxístico excepcional. Os códigos QR engadidos, permiten enlazar coa páxina web do concello de Rianxo, onde se recolle toda a información nos idiomas galego, castelán e inglés

Publicado en Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.