CEG_131_Mario_CÉSAR_VILA_4

Estudo da cerámica medieval de Cova Eirós (Triacastela, Lugo)

Un dos alicerces da nosa labor investigadora, céntrase na cerámica de Época Medieval. Nesta liña, queremos destacar un importante traballo de recente publicación en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela , centrado na relevancia desta cerámica e da información que se pode extraer a partires do seu estudo, localizada a partires das intervencións realizadas no xacemento prehistórico e histórico de Cova Eirós (Triacastela, Lugo) e publicada no último número dos Cadernos de Estudos Galegos.

As intervencións arqueolóxicas efectuadas a partir do ano 2008 no xacemento de Cova Eirós (Triacas-tela, Lugo), puxeron á luz evidencias materiais de diferentes contextos cronolóxicos. Neste traballo abórdase a análise e interpretación dun dos elementos da cultura material máis representativo dos depósitos de Cova Eirós, correspondente á cerámica de época histórica. Destaca a ampla presenza de tipos de época medieval, principalmente da fase inicial e plena e de xeito testemuñal de Época Romana e Tardorromana. O groso destes materiais cerámicos pertence á produción de cerámica gris medieval do Noroeste peninsular, sendo identificadas formas inéditas, canto menos dende o punto de vista historiográfico. Así mesmo, destácase a excepcional posición estratigráfica de boa parte destes materiais, vinculados a contextos pechados (foxas), sobre as que se levan realizando datacións radiocarbónicas, permitindo asociar estas formas a datacións de carácter absoluto. Deste xeito, as ocupacións medievais de Cova Eirós poden considerarse como o reflexo dos cambios na estruturación territorial que se producen entre os séculos VIII-XI no Noroeste peninsular e que son a raíz do poboamento rural galego.

Ola de cerámica común gris medieval localizada en Covas Eirós e obxecto de análise

Ola de cerámica común gris medieval localizada en Covas Eirós e obxecto de análise

Reza_Vella_Mario_César_Vila

Carballo, freixo e piñeiro: o papel da leña nos rituais funerarios no xacemento romano de Reza Vella (Ourense)

Dentro dos traballos de investigación publicados neste ano, queremos destacar o estudo sobre as madeiras localizadas nos contextos funerarios no xacemento romano de Reza Vella na contorna da cidade de Ourense, realizado conxuntamente coa investigadora arqueobotánica María Martín Seijo e publicado polo prestixiosa revista Archaeological and Anthropological Sciences.

O obxectivo deste traballo centrouse na análise do papel da leña nos ritos funerarios romanos de cremación. O estudo de caso de Reza Vella (Ourense) proporciona información valiosa sobre os usos e o papel das plantas nun contexto funerario no noroeste da península ibérica. Os datos arqueobotánicos dos cemiterios romanos nesta área son moi escasos, pero proporcionan información valiosa sobre as costumes funerarias introducidas polo Imperio Romano nas provincias e como esta interacción podería reflectirse no manexo da leña. As estruturas relacionadas cos ritos de cremación inclúen contextos primarios e secundarios. Os restos de carbón recuperados dentro das estruturas de tipo bustum, son os restos do combustible queimado durante a cremación dos cadáveres. Nestes contextos primarios, os taxóns omnipresentes foron carballo, freixo e piñeiro. Foron identificados outros taxóns, coma o salgueiro, a ameixeira ou o erbedo en enterros secundarios. Unha combinación de diferentes factores probablemente, determinou a súa selección para fins de cremación, como a súa dispoñibilidade nos arredores da necrópole, o acceso diferencial aos recursos de madeira, o seu potencial de calor, aspectos técnicos relacionados coa súa explotación e ata aspectos conceptuais, como o seu significado simbólico.

Fosa de incineración con vaso cerámico en Reza Vella (Ourense)

Fosa de incineración con vaso cerámico en Reza Vella (Ourense)

IV_curso_Arte_Salnés

Participación no IV curso de verán “Arte, Historia, Xeografía e Cultura na comarca do Salnés: Alén da igrexa”

Do 16 ao 19 de xuño celébrase no Pazo de Vista Real de Vilanova de Arousa (Pontevedra) o IV curso de verán “Arte, Historia, Xeografía e Cultura na comarca do Salnés:Alén da igrexa”,, no que participaremos xunto ao arqueólogo Franisco Alonso Toucido coa presentación “Castro e mosteiro de Cálago. Últimos estudos arqueolóxicos”.

Os arqueólogos Mario César e Francisco Alonso durante a intervención no castro de Cálago (Vilanova de Arousa, Pontevedra)

Os arqueólogos Mario César e Francisco Alonso durante a intervención no castro de Cálago (Vilanova de Arousa, Pontevedra)

No curso farase unha achega aos resultados dos traballos arqueolóxicos realizados no verán de 2017 no castro e mosteiro de Cálago.

A intervención desenvolveuse entre agosto e setembro de 2018, sendo promovida a través dun convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e Concello de Vilanova de Arousa, co obxectivo de fomentar o coñecemento e avaliar a potencialidade arqueolóxica do xacemento arqueolóxico do castro e mosteiro de Cálago.

O castro de Cálago atópase inventariado co código GA36031007 e sitúase na parroquia de San Cibrán de Cálago no lugar do O Campanario, a uns 100 m da liña de costa actual, emprazado nun promontorio que, antes do proceso de construción no litoral, dominaría a nivel visual boa parte da ría de Arousa e do val interior .

Rianxo_Castelo_Lúa_Pres_Cambrai

Presentación dos traballos de recuperación e posta en valor do castelo da Lúa (Rianxo, A Coruña)

Con motivo do desenvolvemento dos traballos de recuperación e posta en valor do castelo da Lúa (Rianxo, A Coruña), o concello de Rianxo e a Deputación de A Coruña, organizan unha presentación o venres 29 de xuño de 2018 no Auditorio de de Rianxo, na que exporán os resultados das intervencións o arqueólogo director, Mario César Vila e o restaurador director, Gonzalo Buceta Bruneti. O acto será presentado polo alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez e Xusto Ordóñez Figueira, Concelleiro de Deporte e Patrimonio Histórico, para dar paso ao concerto a cargo do grupo de música medieval Pres de Cambrai, que presentará “O segredo do pergamiño Vindel: 100 anos de música para as cantigas”.

Os traballos foron desenvolvidos por un equipo multidisciplinar de arqueólogos, restauradores, canteiros, topógrafos e arquitectos, para dar continuidade á intervención iniciada o ano pasado e así consolidar e restaurar os restos que se conservan da fortaleza medieval.

Durante a realización das actuacións realizáronse numerosas visitas para escolares, así coma para outros profesionais e público en xeral.

Fotografía en altura do Castelo da Lúa

Fotografía en altura do Castelo da Lúa

Mario_César_Vila_Porta_San_Miguel_2

Acondicionamento, restauración e consolidación do antigo acceso á cidade da Coruña desde o mar pola Porta de San Miguel

As actuacións de acondicionamento, restauración, consolidación e posta en valor, realizadas no antigo acceso á cidade desde o mar pola Porta de San Miguel (A Coruña), en abril e maio de 2018, centráronse na recuperación da Porta de San Miguel, así como da adecuación da súa contorna inmediata coa colocación dun valado de protección, un panel explicativo e alumado axeitado. Estas actuacións e elementos de mobiliario urbano e de posta en valor do patrimonio cultural, foron propostos co obxecto de protexer e realizar a posta en valor do ben.

A partires da segunda metade do século XVI, a cidade da Coruña comeza a transformarse en praza forte militar. Esta nova situación obrigou a reforzar a estrutura defensiva.
En 1520, Carlos V ordea fortificar A Coruña e construír un castelo na illa de San Antón. A súa construción iníciase en 1588, un ano antes do ataque de Drake. A destrución causada polos ingleses en 1589 fixo ver ás autoridades a nula capacidade de defensa dunhas murallas cun marcado carácter medieval non adaptadas á nova organización militar das monarquías europeas.
En 1589, Felipe II manda ao seu enxeñeiro Tiburcio Spanochi para que redacte un informe sobre o estado da muralla da cidade da Coruña.
No século XVI a porta de Santa Bárbara únese ao acantilado mediante a construción do Baluarte de Santa Bárbara e a cortina que o unía á porta de Santa Bárbara. Ademais, a finais do século XVI constrúense pequenos revellines por diante das dúas portas máis importantes da cidade, Porta Real e a de Aires.
Os dous conventos fóra da cidade estaban destruídos. En 1596 trasládase o Convento de Santo Domingo á Cidade Vella e o de San Francisco quedou incorporado á cidade coas reformas levadas a cabo na muralla ao longo do século XVII. Mentres non se acordaba un proxecto para a cidade, fóronse executando obras menores, entre as que se atopaba o treito de muralla que vai desde o Hospital Abente y Lago ata o Baluarte de Santa Bárbara. Sábese que en 1597 este treito de muralla xa estaba construído. Con todo, executouse unha reforma no século XVII. Neste treito, ábrese en 1595 a Porta de San Miguel.
En 1597 proxectouse construír o baluarte e a cortina que unía o cubo de Santa Bárbara e a porta de San Martiño, no acantilado e realizouse a derruba do treito da muralla vella que ía desde as Bárbaras ata a fortaleza. Neste século, instalouse na cidade o primeiro cárcere no extremo oeste do Parrote, que será derrubado e reedificado no século XVIII. En 1625 iníciase a reconstrución da Fronte de Terra.
A segunda campaña de construción da nova muralla de mar no acantilado e a praia da zona do Parrote levouse a cabo no segundo terzo do século XVII. Continúase o trazado entre o cárcere e a fortaleza da cidade, construíndose un murallón para conter as augas do mar do Parrote. Neste novo treito construíronse as portas do Cravo e do Parrote en 1676, sendo a segunda reformada en 1749.

O obxecto do proxecto arqueolóxico, foi a definición técnica e económica dos traballos de acondicionamento, restauración, consolidación da Porta de San Miguel así como da adecuación da súa contorna inmediata coa colocación dun valado de protección, un panel explicativo e alumado adecuado. Estas actuacións e elementos de mobiliario urbano e de posta en valor do patrimonio cultural, foron realizadas co obxecto de protexer e realizar a posta en valor do ben.
Actuacións realizadas
– Retirada de colonización biolóxica e limpeza.
– Consolidación arqueolóxica da canle de auga de pedra.
– Calzado dos chanzos mediante ripios.
– Colocación de lámina xeotextil non tecido sobre a canle e a condución e recheo localizado sobre os niveis arqueolóxicos con árido drenante.
– Aporte de terra vexetal en noiros e en contorna da beirarrúa, sementado e formación de céspede de baixo mantemento.
– Escavación con medios mecánicos para a formación de gabias e zapatas.
– Valado baixo de barras de aceiro envellecido instalada sobre zuncho de formigón de 20×30 centímetros.
– Instalación módulo explicativo do que xa se dispoñía o deseño.
– Instalación de alumado monumental, con catro proxectores e un proxector no interior da Porta de San Miguel de tecnoloxía LED de baixo consumo.
– Fotogramentría de estado previo (afloramento e chanzos) e topografía de estado final.
– Limpeza de vexetación da parte superior da muralla.
– Limpeza de vexetación da cara S do cubo E respecto de a porta.
– Limpeza de vexetación do interior da porta de San Miguel.
– Limpeza e saneamento parcial do interior da Porta de San Miguel, baixo o enlousado existente.
– Colocación de bordiño de granito baixo a porta metálica a fin de conter residuos e arrastres.
– Recondución do manancial natural que discorre pola porta.
– Pintado de arquetas en negro.

Dirección e execución das obra de acondicionamento da Porta de San Miguel (A Coruña)

Dirección e execución das obra de acondicionamento da Porta de San Miguel (A Coruña)

REA_HORIZONTENORTE

Empresa inscrita no Rexistro de Empresa Acreditada (REA)

O Rexistro de Empresas Acreditadas (REA) ten como obxectivo o acreditar que as empresas que operan no sector da construción cumpren os requisitos de capacidade e de calidade da prevención de riscos laborais. Toda empresa que pretenda ser contratada ou subcontratada para traballos nunha obra de construción, deberá estar inscrita no Rexistro de Empresas Acreditadas dependente da autoridade laboral onde estea situado o domicilio social da empresa. A partir do día 26 de agosto de 2008 as empresas que contraten ou subcontraten a realización de calquera traballo nunha obra, deberán acreditar que as súas empresas contratistas ou subcontratistas están inscritas no Rexistro, solicitando para iso un certificado de inscripción.

O REA foi deseñado e posto en marcha conforme ao exposto no Real Decreto 1109/2007, de 24 de agosto, polo que se desenvolve a lei 32/2006, de 18 de outubro, reguladora da subcontratación no Sector da Construción.

Desde febreiro de 2018. a nosa empresa atópase inscrita no Rexistro de Empresa Acreditada (REA).

Empresa inscrita no REA

Empresa Inscrita no REA

XORNADAS INTERNACIONAIS DE CERÁMICA ANTIGA NO NOROESTE PENINSULAR

Xornadas internacionais de cerámica antiga do Noroeste peninsular

Do 25 ao 28 de abril 2018 celébreanse as Xornadas Internacionais de Cerámica Antiga no Noroeste Peninsular, integradas dentro do programa de actividades planificadas polo Concello de Lugo para sumarse á celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, pretenden poñer en valor o rico patrimonio arqueolóxico da cidade así como a súa importancia desde o punto de vista histórico.

Os obxectivos que se perseguen con esta actividade son o de fomentar o intercambio e a valoración do patrimonio cultural como un recurso compartido, sensibilizar acerca da historia e os valores comúns e reforzar o sentimento de pertenza a un espazo común. As actividades que se promoverán buscan incidir no patrimonio cultural como elemento fundamental de diversidade cultural e de dialogo intercultural; potenciar a contribución do patrimonio cultural á economía.

Breve descrición da actividade: Afondar no estudo tanto das diferentes producións así como na importancia das relacións comerciais existentes entre as distintas zonas do entorno en época antiga.

Obxectivos da actividade: Con estas xornadas pretendese que os participantes se acheguen ao contexto, produción e tipoloxía da cerámica de época antiga e as relacións comerciais existentes entre os diferentes núcleos do noroeste peninsular, incidindo na importancia da antiga Lucus Augusti como centro produtor e comercial.

Pola nosa parte, presentaremos o mércores 23 de abril ás 13:30 h a conferencia”Contextos, produción e tipoloxía da cerámica romana de Reza Vella (Ourense)”.

Entre xuño de 2010 e setembro de 2011, diriximos unha serie de intervencións arqueolóxicas no xacemento Capela de Santa Catalina de Reza A Vella (GA32054003), nos terreos afectados pola execución do Proxecto de Construción de Plataforma Corredor Norte-Noroeste de Alta Velocidade, eixo Ourense-Santiago, treito de acceso á Estación de Ourense.

As intervencións comprenderon unha superficie de 8.380 m2 con restos arqueolóxicos no lugar de Reza Vella, á entrada na cidade de Ourense no lado occidental e a escasa distancia ao norte do Río Miño.

Os traballos permitiron comprobar o uso do espazo con actividades de diversa índole, desde canto menos o século I d.C. ata a actualidade, de xeito continuado. A maior parte dos restos exhumados correspóndense á Época Romana e Tardorromana, así como á Época Medieval.

De época antiga, identificouse unha primeira fase xeral de ocupación na Época Altoimperial (séculos I-III/IV d.C.), que quedou testemuñada pola existencia dun nivel de calzada -relacionada coa ponte romana de Ourense e que permitiría unha saída terrestre do núcleo cara ao occidente-, unha necrópole de incineración asociada, un forno de cocción cerámica e os restos dun edificio cun pozo. Unha segunda fase sitúase crononoloxicamente entre os séculos III/IV d.C. e mediados do século VI-VII d.C., destacando a construción dun segundo nivel de calzada, de alto desenvolvemento técnico, dunha serie de gabias paralelas de grandes dimensións, relacionadas coa captación de auga, varias foxas e estruturas relacionadas cunha necrópole de inhumación e os restos dunha construción de planta rectangular de pequenas dimensións, que poderían corresponderse cun posible edificio turriforme.

A presentación céntrase na análise dos contextos e das diferentes producións e tipoloxías cerámicas de época antiga e tardoantiga, identificadas en ditas intervencións, tales coma Terra Sigillata Hispánica Altoimperial, Terra Sigillata Hispánica Tardía, Terra Sigillata Africana C e D, paredes finas, cerámica común romana, cerámica de transporte e almacenaxe, lucernas, materiais latericios e fusaiolas entre outros.

Horizontenorte_xeorradar

Prospección arqueolóxica con xeorradar 3D multifrecuencia

O xeorradar consiste nunha moderna técnica non destrutiva, empregada en diversas actividades, sendo especialmente útil no campo da arqueoloxía.
Trátase dun método non invasivo de análise de materiais que transmite ondas electromagnéticas que son reflectidas e rexistradas.
Dentro desta técnica, os equipos de xeorradar 3D multifrecuencia permiten obter unha especie de “radiografía” da zona estudada baseada en puntos tomados cada poucos centímetros. Con este método é factible identificar aquelas zonas que presenten unha xeometría interpretable como restos arqueolóxicos ou estruturas soterradas con altísima precisión.
Continue reading

Castelo de A Rocha Forte (Concello de Santiago de Compostela)

Coordinación do Proxecto para o estudo, recuperación e posta en valor da fortaleza de A Rocha Forte (Santiago de Compostela)

O Castelo da Rocha Forte está situado no extremo S do concello de Santiago de Compostela, a uns 3 km  ao SW do seu centro histórico.

A primeira referencia documental coñecida da fortaleza data do ano 1255 e está incluída nas Constitucións Capitulares do arcebispo D. Juan Arias. O castelo acadará un grande esplendor durante o seu pontificado.

Ademais do seu uso como pazo residencial arcebispal, a fortaleza tivo un papel fundamental no control militar e fiscal dos accesos e saídas da cidade polo SW.

  • Castelo de A Rocha Forte (Concello de Santiago de Compostela)

Continue reading

Mario_César_Vila_ISO_9001

Certificación ISO 9001:2015

Comprácenos comunicar aos nosos clientes e proveedores da obtención do Certificado de Rexistro de Empresa, co nº ER-0670/2017, como recoñecemento e evidencia da conformidade do noso sistema de xestión coa norma ISO 9001:2015, emitido por AENOR.

Esta certificación redunda en beneficio da calidade da nosa empresa e en consecuencia na mellora dos servizos cara aos nosos clientes, constituíndo unha ferramenta eficaz de cara a conquerir obxectivos.

A ISO 9001 é a norma sobre xestión da calidade con maior recoñecemento en todo o mundo. Pertence á familia ISO 9000 de normas de sistemas de xestión da calidade (xunto con ISO 9004) e axuda ás organizacións a cumprir coas expectativas e necesidades dos seus clientes, entre outros beneficios.

Continue reading