Preséntase coma peza do mes de xuño de 2016 do Museo Arqueolóxico provincial de Ourense un vaso recollido nas escavacións realizadas en Reza Vella (Ourense).
A presentación terá lugar o mércores 8 de xuño ás 20.00 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense) a cargo de Ana María Veiga Romero e de entrada libre.
Con motivo das obras de construción do corredor da alta velocidade, entre os anos 2010 e 2011 realizáronse unha serie de intervencións arqueolóxicas en Reza Vella, no espazo ocupado entre as liñas de ferrocarril Ourense-Vigo e Ourense-Santiago.
Sabíase de restos e noticias sobre vestixios arredor da antiga capela de Reza, entre os que destaca a coñecida como “ventá mozárabe”.
As intervencións arqueolóxicas permitiron poñer á vista os restos dunha calzada romana –baixo a cal se dispuña outra anterior-, con dirección E-W. Este achado veu corroborar a importancia da zona como vía natural de paso de Ourense cara as comunicacións co occidente. De feito, que actualmente se concentren numerosas vías de comunicación por esta franxa (ferrocarril, estrada vella, enlaces á autovía, etc) amosan o carácter viario da zona. A riqueza termal da zona e probablemente a importancia da minería, serían outros dos alicerces que levarían á construción desta vía e do enclave que medrou da par dela, xa dende antigo.
Dese xeito, a intervención puxo ao descuberto outros vestixios a ambas marxes da calzada de singular relevancia. Entre eles destaca unha necrópole que contempla os ritos de cremación e inhumación, un forno de fabricación de cerámica común ou un pozo.