As actuacións de acondicionamento, restauración, consolidación e posta en valor, realizadas no antigo acceso á cidade desde o mar pola Porta de San Miguel (A Coruña), en abril e maio de 2018, centráronse na recuperación da Porta de San Miguel, así como da adecuación da súa contorna inmediata coa colocación dun valado de protección, un panel explicativo e alumado axeitado. Estas actuacións e elementos de mobiliario urbano e de posta en valor do patrimonio cultural, foron propostos co obxecto de protexer e realizar a posta en valor do ben.
A partires da segunda metade do século XVI, a cidade da Coruña comeza a transformarse en praza forte militar. Esta nova situación obrigou a reforzar a estrutura defensiva.
En 1520, Carlos V ordea fortificar A Coruña e construír un castelo na illa de San Antón. A súa construción iníciase en 1588, un ano antes do ataque de Drake. A destrución causada polos ingleses en 1589 fixo ver ás autoridades a nula capacidade de defensa dunhas murallas cun marcado carácter medieval non adaptadas á nova organización militar das monarquías europeas.
En 1589, Felipe II manda ao seu enxeñeiro Tiburcio Spanochi para que redacte un informe sobre o estado da muralla da cidade da Coruña.
No século XVI a porta de Santa Bárbara únese ao acantilado mediante a construción do Baluarte de Santa Bárbara e a cortina que o unía á porta de Santa Bárbara. Ademais, a finais do século XVI constrúense pequenos revellines por diante das dúas portas máis importantes da cidade, Porta Real e a de Aires.
Os dous conventos fóra da cidade estaban destruídos. En 1596 trasládase o Convento de Santo Domingo á Cidade Vella e o de San Francisco quedou incorporado á cidade coas reformas levadas a cabo na muralla ao longo do século XVII. Mentres non se acordaba un proxecto para a cidade, fóronse executando obras menores, entre as que se atopaba o treito de muralla que vai desde o Hospital Abente y Lago ata o Baluarte de Santa Bárbara. Sábese que en 1597 este treito de muralla xa estaba construído. Con todo, executouse unha reforma no século XVII. Neste treito, ábrese en 1595 a Porta de San Miguel.
En 1597 proxectouse construír o baluarte e a cortina que unía o cubo de Santa Bárbara e a porta de San Martiño, no acantilado e realizouse a derruba do treito da muralla vella que ía desde as Bárbaras ata a fortaleza. Neste século, instalouse na cidade o primeiro cárcere no extremo oeste do Parrote, que será derrubado e reedificado no século XVIII. En 1625 iníciase a reconstrución da Fronte de Terra.
A segunda campaña de construción da nova muralla de mar no acantilado e a praia da zona do Parrote levouse a cabo no segundo terzo do século XVII. Continúase o trazado entre o cárcere e a fortaleza da cidade, construíndose un murallón para conter as augas do mar do Parrote. Neste novo treito construíronse as portas do Cravo e do Parrote en 1676, sendo a segunda reformada en 1749.
O obxecto do proxecto arqueolóxico, foi a definición técnica e económica dos traballos de acondicionamento, restauración, consolidación da Porta de San Miguel así como da adecuación da súa contorna inmediata coa colocación dun valado de protección, un panel explicativo e alumado adecuado. Estas actuacións e elementos de mobiliario urbano e de posta en valor do patrimonio cultural, foron realizadas co obxecto de protexer e realizar a posta en valor do ben.
Actuacións realizadas
– Retirada de colonización biolóxica e limpeza.
– Consolidación arqueolóxica da canle de auga de pedra.
– Calzado dos chanzos mediante ripios.
– Colocación de lámina xeotextil non tecido sobre a canle e a condución e recheo localizado sobre os niveis arqueolóxicos con árido drenante.
– Aporte de terra vexetal en noiros e en contorna da beirarrúa, sementado e formación de céspede de baixo mantemento.
– Escavación con medios mecánicos para a formación de gabias e zapatas.
– Valado baixo de barras de aceiro envellecido instalada sobre zuncho de formigón de 20×30 centímetros.
– Instalación módulo explicativo do que xa se dispoñía o deseño.
– Instalación de alumado monumental, con catro proxectores e un proxector no interior da Porta de San Miguel de tecnoloxía LED de baixo consumo.
– Fotogramentría de estado previo (afloramento e chanzos) e topografía de estado final.
– Limpeza de vexetación da parte superior da muralla.
– Limpeza de vexetación da cara S do cubo E respecto de a porta.
– Limpeza de vexetación do interior da porta de San Miguel.
– Limpeza e saneamento parcial do interior da Porta de San Miguel, baixo o enlousado existente.
– Colocación de bordiño de granito baixo a porta metálica a fin de conter residuos e arrastres.
– Recondución do manancial natural que discorre pola porta.
– Pintado de arquetas en negro.
Dirección e execución das obra de acondicionamento da Porta de San Miguel (A Coruña)