O pasado 24 de abril realizamos xunto ao arqueólogo Francisco Alonso Toucido, a presentación dos resultados das intervencións no 2018 no castro de Cálago (Vilanova de Arousa), na igrexa da Pastoriza.
Os traballos de sondaxes arqueolóxicas valorativas realizadas entre os días 27 de setembro e o 24 de outubro de 2018 , no castro e mosteiro de Cálago, foron promovidos a través dun convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e Concello de Vilanova de Arousa, co obxectivo de fomentar o coñecemento e avaliar a potencialidade arqueolóxica do xacemento arqueolóxico do castro e mosteiro de Cálago, constituíndo o campanario a iconografía do escudo municipal.
Inicialmente a proposta contemplaba a apertura de tres sectores emprazados na terraza N do castro, seguindo a disposición e concentración de certas anomalías detectadas tras os traballos de prospección xeofísica. Unha vez abertos os tres sectores na terraza N e á vista dos resultados obtidos, optouse por abrir dous sectores de escavación no interior da croa. O sector 4 abriuse ao N da mesma e limitando polo N coa muralla, onde existían evidencias de restos arqueolóxicos no acceso practicado polos particulares sobre o noiro nesa zona e o 5 na parte NW da croa servindo de ampliación á cata 2, aberta en 2017 e en cuxo perfil S foran localizados os lenzos de 2 muros.
Un dos obxectivos desta actuación foi o de poder localizar estruturas murarias de cara a unha futura posta en valor de restos construtivos.
SECTOR 1: Sector emprazado na terraza norte do castro, na parte NW da mesma. Presentou unhas dimensións de 5×5 m, cunha superficie total escavada de 25 m². Neste sector localizáronse varias negativas escavadas no xabre de tipoloxía indeterminada, de época galaico-romana, con abundante material cerámico.
SECTOR 2: Sector emprazado na terraza N do castro, na parte central da mesma, cunhas dimensións de 5×5 m, e unha superficie total escavada de 25 m². Neste sector localizáronse varias negativas escavadas no xabre de tipoloxía indeterminada e un foso situado na parte SE do sector, colmatado por diferentes depósitos de terra e varios depósitos de cunchas. Neste sector deixouse unha testemuña sen escavar de 1 m de ancho e 5 m de lonxitude na parte W. Na parte SE abriuse unha calicata de 1,50 m de ancho por 1,50 m de lonxitude, cunha profundidade de 1,90 m, non chegando a acadar a parte máis baixa da interfacies. Neste sector documentouse grande cantidade de material cerámico e ósos, procedentes de varios niveis de cuncheiro.
SECTOR 3: Sector emprazado na terraza N do castro, na parte NE da mesma. Presentou unhas dimensións de 10 m de lonxitude por 2 m de ancho con orientación E-W, cunha superficie total escavada de 20 m². Neste sector localizouse unha pequena gabia na parte E con dirección N-S de época galaico-romana e unha pequena fosa indeterminada na parte N, escavada dentro dun depósito de orixe natural (Ue131) e que posiblemente sexa tamén de orixe natural, quizais orixinado por algunha raíz.
SECTOR 4: Sector situado na parte N da croa xusto no límite coa muralla. Presentou unhas dimensións de 7×7 m, cunha superficie total escavada de 49 m². Neste sector foron localizados os restos dunha estrutura de tipoloxía castrexa ou indíxena de planta circular, de 6,30 m de diámetro externo e 5,35 m de diámetro interno e entre 40-50 cm de anchura. Documentouse asociado a elas grande cantidade de material cerámico e dúas pezas de bronce.
SECTOR 5: Sector situado na parte NW da croa próximo á muralla. Presentou unhas dimensións de 3×4 m con orientación E-W e unha superficie total escavada de 12 m². Neste sector foron localizados 2 muros en planta na parte N do mesmo que xa foron documentados no perfil N da sondaxe 2 da intervención de 2017 e un derrubo de pedra, tegula e terra. Asociado a estas estruturas, recolleuse grande cantidade de material cerámico.
En canto os materiais arqueolóxicos o número total de fragmentos documentados durante a intervención foi de 1576. De estes, 1550 son fragmentos cerámicos, 1 fragmento de argamasa, 14 líticos (entre os que destaca un fragmento de muiño circular), 5 metais dos cales 3 son bronces, 4 fragmentos de palla barro e 2 vidros.
A gran maioría das pezas identificadas adscríbense á Segunda Idade do Ferro e a Época Romana Altoimperial, se ben localízanse nos niveis superiores e alterados materiais de épocas posteriores correspondentes á Idade Media, Época Moderna e Época Contemporánea.
O maior número de materiais recuperados pertencen a cerámica castrexa, correspondente á Segunda Idade do Ferro do NW peninsular, abranguendo dende o S. IV a.C. ata o cambio de era. Os individuos estudados poden enmarcarse dentro da rexión oleira castrexa coñecida como das Rías Baixas-Miño.
En canto á cerámica romana, localizouse un pequeno fragmento de cerámica campaniense, que amplía o mapa de distribución aos escasos achados no noroeste peninsular. Ademais desta, as produccións e tipos identificados corresponden terra sigillata hispánica altoimperial, á forma anfórica Haltern 70, os ou varios tipos de cerámica común romana (olas, pratos engobados, morteiros e imitacións), que permiten facer unha achega cronolóxica ao mundo tardorepublicano e altoimperial romano, que iría grosso modo do II a.C. ata o seculo III d.C. A cerámica común de tradición indíxena aparece en varios depósitos, xunto con cerámica de Época Romana. As evidencias materiais permiten polo tanto considerar para o castro fases de uso previas ao cambio de era, manténdose a ocupación en época altoimperial.
As importacións de cerámica campanienese, terra sigillata así como as ánforas documentadas, evidencian unha actividade comercial importante, relacionada co mundo marítimo, dada a localización do xacemento.
Durante a execución do proxecto, realizáronse visitas abertas ao público, nas que participaron numerosos veciños, veraneantes, turistas, público infantil local, así coma de carácter institucional. As visitas foron realizadas a diario por parte dos membros do equipo de escavación, cuxo éxito levou en varias ocasións a establecer varios grupos.
Así mesmo, realizáronse numerosas presentación e roldas de prensa aos medios de comunicación, expoñendo os resultados da intervención e achados máis significativos.
Tamén foron cubertas novas nas redes sociais e web do concello de Vilanova de Arousa.