Rematou esta primeira fase de actuación no sector S no castro de mosteiro de Cálago cuns resultados de grande relevancia para o pasado da vila. Nos traballos de escavación localizáronse os restos dunha tumba de inhumación, dos que conservamos a parte inferior nun bo estado de conservación. Trátanse das extremidades inferiores e parte dos osos das falanxes das mans que confirman a existencia dunha necrópole Tardoantiga ou Altomedieval ao S do castro de Cálago e próximo ao que sería a liña de costa en época antiga.
Con este achado confírmase a hipótese da existencia dunha necrópole na zona, adiantada o anterior ano, a raíz do achado de restos óseos humanos na zona por parte dun particular.
A tumba presenta a orientación clásica nestas fases, coa cabeza cara o oeste e os pés ao nacente. Para facer a tumba empregáronse laxes de granito fincadas verticalmente, adaptándose á orografía do terreo, con caída cara a liña de costa (oeste).
Non menos interesante resultou ser a localización de niveis galaicorromanos baixo a tumba, correspondentes a un muro de cachotería de granito con orientación NNW-SSE cun pavimento de xabre compactado no interior, así coma un rebaixo vertical da rocha ao que se acaroa outro pavimento con base de area e superficie de pedra miúda como elementos drenantes.
Estas estruturas foron cubertas por un cuncheiro no momento do seu abandono, que resulta de grande interese á hora de coñecer a dieta dos seus habitantes en Época Antiga. Aparte de malacofauna, este cuncheiro aportou a presenza de material arqueolóxico cerámico de Época Castrexa e Romana. Da primeira destacan pezas con decoracións características da Segunda Idade do Ferro do NW peninsular, abranguendo dende o S. IV a.C. ata o cambio de era, enmarcadas dentro da rexión oleira castrexa coñecida como das Rías Baixas-Miño. En canto á cerámica romana, foron identificados varios pivotes da ánfora Haltern 70, procedente da Bética, así coma cerámica común.
Tras a fase de escavación en campo, comezan os traballos de gabinete, onde as análises dos restos óseos aportarán coñecemento acerca da cronoloxía, dieta ou doenzas da época, entre outros aspectos.