Mario_César_Vila_laxes_Rianxo

Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da Laxe megalítica dos Campiños e o Merlón con escudo dos Soutomaior do Castelo da Lúa de Rianxo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia a Estela-menhir decorada da necrópole megalítica dos Campiños e o merlón con escudo dos Soutomaior procedente da fortaleza de Torre de Rianxo, coñecida popularmente coma Castelo da Lúa.

Merlón e estela-menhir no Auditorio de Rianxo

Merlón e estela-menhir no Auditorio de Rianxo

Dita nova resulta motivo de celebración polo recoñecemento destes importantes bens do patrimonio cultural galego e énchenos de orgullo, na medida de ter aportado o noso gran de area na encomenda da dirección e coordinación do proxecto de traslado, limpeza e musealización, das pezas arqueolóxicas líticas no Auditorio Municipal do Concello de Rianxo, realizado en decembro do pasado ano.
A actuación fóra ideada e promovida polos responsables municipais, que levan realizado unha aposta firme pola protección, posta en valor e difusión do rico patrimonio arqueolóxico e cultural rianxeiro.
Hai menos dun ano, estas pezas estaban agochadas nas instalacións municipais. Sendo de tipoloxía e cronoloxía diferente, posúen unha serie de características que as fan singulares. Este feito, unido a que non se atopaban nunhas condicións suficientemente axeitadas, motivou o interese dos responsables do concello de Rianxo de proceder ao seu traslado, limpeza e musealización, en aras da súa difusión e coñecemento por parte da cidadanía e en definitiva realizar unha posta en valor axeitada ao valor patrimonial que ambas pezas posúen.

A primeira peza correspóndese coa laxe decorada ou estela-menhir dos Campiños, na parroquia de Santa María de Leiro. Trátase dun ortostato, probablemente reempregado, procedente do túmulo megalítico 1 dos Campiños, culturalmente pertencente ás fases neolítico-calcolítco. O monumental ortostato presenta unha serie de gravados ao seu arredor, representando de xeito esquemático, unha posible figura antropomorfa. A imaxe representada e o feito de estar traballada polas dúas caras, convértena nunha peza relevante da arte megalítica do noroeste peninsular. Nas verbas do profesor Fábregas Valcarce, descubridor e estudoso da misma, poderiamos estar probablemente ante a primeira escultura antropomorfa en bulto redondo de Galicia. Dende o punto de vista simbólico, considérase a súa relación co mundo da morte e a viaxe da vida terreal ao máis alá.
http://www.tv27barbanza.com/2017/08/08/23019
A segunda peza correspóndese cun merlón con escudo dos Soutomaior, procedente da fortaleza de Torre ou Castelo da Lúa. Este elemento construtivo defensivo, representa en relevo o escudo de armas axedrezado da familia Soutomaior, señores da vila de Rianxo. Os merlóns son pezas de cantaría apuntadas, empregadas nos bordos superiores das torres e murallas dos castelos, servindo funcionalmente para protexer aos seus defensores de posibles impactos e simbolicamente amosando o poder da casa ou familia á cal representa. A peza resulta particular por amosar en relevo o escudo da liñaxe dos Soutomaior, representada co axedrezado. Fórmano nove ringleiras xaqueladas, separada cada par por unha liña sen gravar e oito columnas. Paio Gómez Chariño foi o primeiro señor de Rianxo na segunda metade do século XIII. A fortaleza experimentará importantes reformas no século XV por parte dos seus sucesores, Paio e Sueiro Gómez de Soutomaior, sendo destruída no ano 1465 durante a segunda revolta irmandiña.

Traslado da estela-menhir dos Campiños ao auditorio municipal

Traslado da estela-menhir dos Campiños ao auditorio municipal

Coma broche de ouro, o merlón viaxará no 2018 ao Museo do Mar de Vigo, onde acompañará, entre outras pezas destacables, ao Pergameo Vindel, que contén as sete cantigas de Martín Códax –actualmente custodiado pola Morgan Library Museum de Nova Iorque-, para formar parte dunha exposición sobre rica lírica medieval galega, e ilustrar así a figura do poeta Paio Gómez Chariño.
Ambas pezas, posúen un bo estado de conservación, pese a presentar fragmentados os extremos superiores. Así mesmo, as dúas posúen elementos singulares de carácter gráfico, como son as gravuras do ortostato e o escudo en relevo do merlón. Se ben pertencen a contextos tipolóxicos e cronolóxicos diferenciados, son bens fortemente relacionados con momentos relevantes dentro da historia de Rianxo –e de Galicia- e de amplo interese cultural e científico.

Colocación do merlón da fortaleza de Rianxo

Colocación do merlón da fortaleza de Rianxo

Para a musealización das dúas pezas arqueolóxicas no interior do Auditorio Municipal de Rianxo, escolleuse un lugar na planta baixa que visualmente domina os espazos da entrada e a sala de exposicións. Para a exposición das pezas foi deseñada unha estrutura expositiva ex professo adaptada ás mesmas, así coma unha placa explicativa e unha cortina metálica coma tela de fondo que permite a contemplación da laxe pola parte posterior.

Publicado en Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.