Mario_César_Vila_desbroce_1

Arqueoloxía versus lumes forestais

En horizontenorte coidamos que o mellor xeito de remitir un problema é coñecendo as súas causas de orixe. Neste senso, tanto por cuestións sociais e de ética, como por motivos intrínsecos aos estudios medioambientais, nos que a arqueoloxía puntualmente se insire, levamos estudando e analizando as diversas afeccións que os lumes forestais provocan sobre o medio natural e humano e por ende, aos bens culturais de diferente tipoloxía e adscrición cultural.
Unha das nosas liñas de actuación céntrase na avaliación das afeccións producidas polo lume forestal e as labores de extinción asociadas, así como a de establecer unha serie de medias correctoras que permitan a protección e na medida do posible, a recuperación dos bens. Estes traballos lévanse centrado tamén na revisión das zonas calcinadas, accesibles tras os lumes, na procura de elementos do patrimonio cultural ou arqueolóxicos inéditos.
A experiencia parte do desenvolvemento de tarefas de extinción e de coordinación da xestión de lumes no Servizo de Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia na brigada helitransportada de Castromaior (Abegondo, A Coruña), no deseño e presentación ante a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia de propostas para a avaliación do patrimonio cultural nas áreas afectadas polos incendios forestais dende hai máis dunha década ou na dirección e participación en proxectos de avaliación do patrimonio cultural nas áreas afectadas polos lumes forestais en diferentes concellos.

O control da vexetación e accesos ao patrimonio cultural, coma medida preventiva á acción dos lumes forestais

O control da vexetación e accesos ao patrimonio cultural, coma medida preventiva á acción dos lumes forestais


O principal axente do impacto está directamente relacionado coa plantación e colonización non controlada de eucalipto, especie pirófita esóxena introducida de xeito masivo en Galicia, norte de Portugal e cada vez máis en Asturias. A súa expansión vai parella á de touza altamente inflamable, característica de zonas degradadas, formada por especies coma o toxo e a xesta. Esta masa forestal ocupa espazos anteriormente baldíos ou de monte baixo, desprazando ás especies autóctonas e facendo inaccesible e intransitable o monte.
Como consecuencias inmediatas, ademais da degradación ambiental e sobre o patrimonio cultural (as tarefas incontroladas de plantación destas especies levan afectando a numerosos elementos do patrimonio cultural, especialmente o arqueolóxico), provoca a transformación do monte, cunha diminución da biodiversidade, a perda irreversible de chans en procesos erosivos, a regresión nas sucesións ecolóxicas e a imposibilidade ou limitación de acceso a numerosas áreas de monte.
A esta realidade súmase a carencia dunha planificación nos accesos e a apertura de devasas, que faciliten e permitan as tarefas de extinción dun xeito controlado e organizado.
Como medida preventiva básica contémplase o control arqueolóxico da roza da vexetación e touza e tala de arborado pirófito (eucalipto) baixo control arqueolóxico. As tarefas de seguimento deste tipo de traballos, deben realizarse en todas as zonas e superficies de actuación e observarse con detalle as superficies unha vez limpas e coa vexetación retirada, xa que durante a realización dos traballos de control arqueolóxico, poden ser documentados novos elementos do patrimonio cultural.
Mario César Vila, Vilanova de Arousa (Pontevedra), 1-VIII-2017.

Posted in Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.