Horizontenorte_hórreo_Redondela

Coordinación dos traballos de recuperación do Hórreo sito na estación de ferrocarril de Redondela (Pontevedra)

Correspóndese cun hórreo de tipo mixto e planta rectangular. A cuberta disponse a dúas augas con tella curva do país que se asenta sobre unha estrutura en madeira. A cámara tamén está integramente realizada en madeira e pintada de vermello. Os apoios compóñense de tres pares de pés de pedra labrados con outros tantos tornarratos circulares. Nos apoios presenta unha característica peculiar xa que os tres pés do lateral S son máis curtos que os pés do lateral N. O elemento emprazábase nunha zona de pendente, adaptándose a esta solución para salvar o desnivel. No intre de inicio das obras o hórreo estaba en desuso e o seu estado de conservación era malo, sobre todo na cuberta, que se atopaba vencida.

Ao estar afectado de xeito crítico polas obras da Liña da Alta Velocidade, deseñouse un plan de traslado daqueles elementos recuperables e de reconstrución das partes non reparables.

Dentro das medidas correctoras, realizouse a documentación completa (gráfica, fotográfica e de compilación de información relativa á súa construción), así como o traslado e novo emprazamento nun lugar do entorno, nun lugar similar ao que se atopaba inicialmente, respectando os materiais orixinais.

Entre xuño e xullo de 2012 procedeuse á reconstrución do hórreo. Para elo instaláronse primeiramente os pés, nunha zona con caída do terreo, a fin de manter a súa fisionomía orixinal, adaptada ao terreo. Debido ao mal estado da madeira, foi necesario substituír os materiais orixinais por pezas novas, deseñadas de xeito mimético, en madeira de castiñeiro.

O hórreo foi reconstruído seguindo fielmente o modelo orixinal, estando visible ao público na nova estación do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, en Redondela (Pontevedra).

Traballos de recuperación do hórreo de madeira

Traballos de recuperación do hórreo de madeira

Publicado en Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.