Horizontenorte_arqueoloxía_tala_contorno_petróglifos

Limpeza, roza e tala preventiva nas zonas de cautela dos petróglifos do monte de San Miguel en Villestro (Santiago de Compostela)

INTRODUCIÓN
Entre novembro e decembro de 2018 efectuamos a roza de vexetación e tala dalgúns eucaliptos nas zonas de cautela dos petróglifos do Monte de San Miguel, na parroquia de Villestro, pertencente ao Concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

O proxecto arqueolóxico, promovido polo Concello de Santiago de Compostela, veu motivado pola situación na que se atopaban boa parte dos afloramentos con gravados de arte rupestre localizados no Monte San Miguel, ante o risco de reprodución de lumes forestais, coma acontecera en episodios pasados e que afectaron á integridade dos mesmos, así como pola necesidade de mantemento dunha contorna de protección limpa e visible arredor dos gravados.

OBXECTO
En xullo de 2016, propagouse un lume forestal no Monte San Miguel que calcinou unha superficie aproximada de 21,3 hectáreas de monte. O incendio afectou a unha zona caracterizada por posuír unha alta concentración de estacións de arte rupestre, que daquela estaban sen catalogar e que sufriron en maior ou menor medida a acción directa das lapas, así como outros danos ocasionados durante a extinción do lume.
Para evitar que feitos como este volvan a acontecer nos vindeiros meses, especialmente coa chegada do estío, levouse a cabo unha intervención orientada a eliminar a vexetación do entorno inmediato dos paneis de arte rupestre, procurando con isto garantir a súa conservación ante a eventual proliferación dos lumes forestais.
As tarefas realizadas contribúen ademais a facilitar a apreciación das distintas estacións de arte rupestre, así como o acceso ás mesmas, sentando con isto as bases para a súa divulgación e posta en valor.

Traballos de roza e retirada de vexetación na contorna dos afloramentos con gravados rupestres prehistóricos

Traballos de roza e retirada de vexetación na contorna dos afloramentos con gravados rupestres prehistóricos

CARACTERÍSTICAS DOS GRAVADOS
Os 29 paneis de arte rupestre que foron obxecto da intervención de limpeza, localízanse na parroquia de Villestro, pertencente ao concello coruñés de Santiago de Compostela.
Están situados fundamentalmente na ladeira Sur do Monte de San Miguel, ao pé do val de Villestro. A pesar de que este conxunto de petróglifos non pode ser considerado, nin moito menos, como representativo da arte rupestre galaico, cómpre sinalar que comparte unha serie de características, no que respecta ao emprazamento e localización das estacións con arte rupestre, co que se coñece para outras zonas máis intensamente abordadas dende a investigación.
Neste senso, a maioría das estacións rupestres están localizadas na franxa altimétrica comprendida entre os 100 e os 300 metros sobre o nivel do mar, con excepción de “Alto do Penedo Branco” que está emprazado a unha altura de 339 metros. este patrón de asentamento é común a practicamente todos os territorios con arte rupestre do NW peninsular.
O feito de que os petróglifos estean localizados fundamentalmente en latitudes medias tense relacionado con zonas que permiten un tránsito máis sinxelo dende as terras baixas cara as latitudes máis elevadas. Así mesmo, o feito de localizarse en abas orientadas cara os vales, podería estar relacionado co suposto papel demarcador que terían os petróglifos sobre aquelas áreas de especial importancia económica ou social para as comunidades prehistóricas.

TRABALLOS REALIZADOS
Con carácter previo ao inicio dos traballos, foron localizadas e revisadas todas as estacións con gravados e delimitouse a área a intervir. A continuación realizouse un rexistro documental fotográfico do estado no que se atopaba a contorna dos diferentes xacementos. Ao rematar os traballos, realizouse un novo rexistro documental fotográfico de todas as áreas rozadas.
A intervención realizada consistiu fundamentalmente na limpeza da matogueira que cubría a superficie, contorna e acceso dos xacementos anteriormente sinalados. O rozado do mato realizouse con medios manuais e sempre baixo a supervisión e dirección dos arqueólogos integrantes do equipo técnico do proxecto. Ademais disto, foi talada e retirada aquela vexetación arbórea de pequeno tamaño que medraba a carón dos paneis de arte rupestre, agás os exemplares de árbores autóctonas.
Non se realizou unha limpeza en profundidade para eliminar liques ou fungos nin de ningunha outra materia adherida aos soportes rochosos. Tampouco ser retirou o sedimento que se depositou nas roturas e diaclases das rochas, para evitar desprendementos da mesma. Os traballos tampouco contemplaron o arranque de raíces ou a realización de movementos de terras.
A limpeza da vexetación dividiuse en catro tipos:
1. Retirada dos restos de vexetación morta que se acumulaban sobre os paneis de arte rupestre e a corta daquela que nacía entre as fracturas das rochas con gravados. Estes traballos leváronse a cabo mediante o uso de tesoiras, instrumentos brandos de madeiras, cepillos de púas brandas, anciño de púas de plástico e soprador mecánico.
2. Roza total mediante a rozadora de mochila con cabezal triturados de 2 dentes para as matogueiras e especias arbóreas invasivas que medran no entorno e no acceso dos xacementos.
3. Roza selectiva na superficie con cabezal de fío de nailon da contorna máis inmediata dos paneis de arte rupestre, así como da contorna doutras laxes situadas dentro das zonas de intervención, coa finalidade de non afectar a posibles a eventuais gravados que puideran ter e que se manteñen descoñecidos por non ser visibles.
4. Tala das árbores de pequeno porte situadas no entorno máis inmediato dos petróglifos, agás as especies arbóreas autóctonas. A madeira derivada desta tala foi apiada e retirada. As árbores cotáronse a ras de chan sen necesidade de realizar movementos de terra e as raíces e tocóns non foron retirados.
Ademais do arqueólogo director e do equipo técnico encargados do control arqueolóxico, formaron parte do equipo encargado de executar o proxecto, varios operarios especializados en labores forestais. Así mesmo foron postos a disposición dos traballos a maquinaria e vehículos necesarios para o axeitado desenvolvemento dos mesmos.

Posted in Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.