Horizontenorte_cerámica_2

Cerámica en arqueoloxía: produción e tipoloxía

A cerámica representa unha das manifestacións máis importantes dentro da historia da humanidade no que atinxe á súa historia material. En arqueoloxía constitúe a evidencia física máis numerosa con avantaxada diferenza respecto ao resto dos vestixios non perecedoiros que se rexistran nas escavacións.

Mediante o emprego do método tipolóxico-comparativo pódese acceder ao contexto produtivo no que foi fabricado un material, así como á súa cronoloxía ou fase histórica. No estudo e clasificación dos materiais cerámicos, trátase do procedemento básico que procura de xeito sistemático, as similitudes tipolóxicas e formais entre unhas e outras pezas, permitindo a adscrición a horizontes cronoculturais definidos. A tipoloxía baséase nun sistema de clasificación fundamentado nos atributos, tales como a forma, a decoración, a manufactura ou a funcionalidade. Unha vez que as pezas son clasificadas mediante tipos, pódese analizar a súa distribución temporal e espacial, procedencia e evolución, permitindo determinar que tipos están relacionados, tanto en contextos próximos coma afastados.

Representación técnica dos materiais cerámicos

Representación técnica dos materiais cerámicos


Unha clasificación xenérica dos artefactos realízase a partires da materia prima na cal foron fabricados (cerámica, vidro, metal, líticos, numismáticos, orgánicos, outros). Nalgúns casos, a singularidade do tipo de obxectos permite unha adscrición propia debido a certas particularidades, independentemente da materia prima no que foran fabricados, como por exemplo, as moedas (material numismático).

A especie cerámica define grupos de cerámicas semellantes entre si e que posúen características comúns. Serían cada un dos grupos nos que se dividen os materiais cerámicos e que se compoñen de producións compostas por tipos, que ademais dos elementos xenéricos, posúen en común outros polos cales se asemellan entre si e dos que se distinguen das demais especies cerámicas. A especie subdivídese en produción. Existen diferentes clasificacións cerámicas atendendo á súa funcionalidade, características e técnicas de fabricación.

Por produción enténdese unha fabricación estandarizada, fixada dentro duns límites xeográficos e cronolóxicos precisos, composta por un conxunto de tipos definidos e polo tanto clasificables.

Na parte inferior desta árbore estaría o tipo, modelo cerámico definido formalmente a nivel tecnolóxico e polo tanto estandarizado, composto por un conxunto de características comúns.

Mario César Vila, Santiago de Compostela, 1-VI-2017.

Posted in Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.