XORNADAS INTERNACIONAIS DE CERÁMICA ANTIGA NO NOROESTE PENINSULAR

Xornadas internacionais de cerámica antiga do Noroeste peninsular

Do 25 ao 28 de abril 2018 celébreanse as Xornadas Internacionais de Cerámica Antiga no Noroeste Peninsular, integradas dentro do programa de actividades planificadas polo Concello de Lugo para sumarse á celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, pretenden poñer en valor o rico patrimonio arqueolóxico da cidade así como a súa importancia desde o punto de vista histórico.

Os obxectivos que se perseguen con esta actividade son o de fomentar o intercambio e a valoración do patrimonio cultural como un recurso compartido, sensibilizar acerca da historia e os valores comúns e reforzar o sentimento de pertenza a un espazo común. As actividades que se promoverán buscan incidir no patrimonio cultural como elemento fundamental de diversidade cultural e de dialogo intercultural; potenciar a contribución do patrimonio cultural á economía.

Breve descrición da actividade: Afondar no estudo tanto das diferentes producións así como na importancia das relacións comerciais existentes entre as distintas zonas do entorno en época antiga.

Obxectivos da actividade: Con estas xornadas pretendese que os participantes se acheguen ao contexto, produción e tipoloxía da cerámica de época antiga e as relacións comerciais existentes entre os diferentes núcleos do noroeste peninsular, incidindo na importancia da antiga Lucus Augusti como centro produtor e comercial.

Pola nosa parte, presentaremos o mércores 23 de abril ás 13:30 h a conferencia”Contextos, produción e tipoloxía da cerámica romana de Reza Vella (Ourense)”.

Entre xuño de 2010 e setembro de 2011, diriximos unha serie de intervencións arqueolóxicas no xacemento Capela de Santa Catalina de Reza A Vella (GA32054003), nos terreos afectados pola execución do Proxecto de Construción de Plataforma Corredor Norte-Noroeste de Alta Velocidade, eixo Ourense-Santiago, treito de acceso á Estación de Ourense.

As intervencións comprenderon unha superficie de 8.380 m2 con restos arqueolóxicos no lugar de Reza Vella, á entrada na cidade de Ourense no lado occidental e a escasa distancia ao norte do Río Miño.

Os traballos permitiron comprobar o uso do espazo con actividades de diversa índole, desde canto menos o século I d.C. ata a actualidade, de xeito continuado. A maior parte dos restos exhumados correspóndense á Época Romana e Tardorromana, así como á Época Medieval.

De época antiga, identificouse unha primeira fase xeral de ocupación na Época Altoimperial (séculos I-III/IV d.C.), que quedou testemuñada pola existencia dun nivel de calzada -relacionada coa ponte romana de Ourense e que permitiría unha saída terrestre do núcleo cara ao occidente-, unha necrópole de incineración asociada, un forno de cocción cerámica e os restos dun edificio cun pozo. Unha segunda fase sitúase crononoloxicamente entre os séculos III/IV d.C. e mediados do século VI-VII d.C., destacando a construción dun segundo nivel de calzada, de alto desenvolvemento técnico, dunha serie de gabias paralelas de grandes dimensións, relacionadas coa captación de auga, varias foxas e estruturas relacionadas cunha necrópole de inhumación e os restos dunha construción de planta rectangular de pequenas dimensións, que poderían corresponderse cun posible edificio turriforme.

A presentación céntrase na análise dos contextos e das diferentes producións e tipoloxías cerámicas de época antiga e tardoantiga, identificadas en ditas intervencións, tales coma Terra Sigillata Hispánica Altoimperial, Terra Sigillata Hispánica Tardía, Terra Sigillata Africana C e D, paredes finas, cerámica común romana, cerámica de transporte e almacenaxe, lucernas, materiais latericios e fusaiolas entre outros.

Publicado en Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio, Uncategorised.