Mario_César_Vila_tese_tribunal

Terra sigillata e contextos arqueolóxicos na Galicia suroccidental: intervencións nos xacementos de Bueu e Vigo (Pontevedra)

Baixo este título defendemos hai xa un ano a nosa tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela, dirixida polo profesor Xosé Manuel Caamaño Xesto, ante o tribunal formado por Carlos Fernández Rodríguez (profesor titular da Universidade de León), Enrique Alcorta Irastorza (arqueólogo responsable do Museo Provincial de Lugo), María Catalina López Pérez (profesora especialista en cerámicas finas romanas), Raquel Casal García (profesora titular xubilada da Universidade de Santiago de Compostela) e Fernando Acuña Castroviejo (catedrádico de arqueloxía da Universidade de Santiago de Compostela), como presidente, quen nos deixou en setembro do ano pasado e a quen recordamos con especial respecto e afecto.

DSC_2777

Os xacementos de Bueu e Vigo sobre o mapa coa rede viaria de época antiga

O traballo presentou unha serie de materiais inéditos recollidos en varias intervencións arqueolóxicas desenvolvidas nos últimos anos nos xacementos romanos de Bueu e Vigo. As zonas escavadas estudadas, pertencen a senllos complexos ou aglomerados romanos de especial relevancia dentro do ámbito noroccidental.

A tese sinala a importancia da explotación de Rías Baixas en época antiga, sendo un área de produción de recursos primarios mariños de certa entidade e polo tanto de importantes contactos desde o punto de vista comercial.
Este tipo de xacementos resultan claves á hora de entender o uso dos cursos fluviais como vías de comunicación cara ao interior e viceversa, o contacto e as relacións entre a área mediterránea e o atlántica, o papel dos pequenos centros distribuidores e o proceso de romanización ao longo do tempo, así como para encher o baleiro existente ata fai uns anos, respecto ao mundo tardorromano coa controversia sobre a crise á que tradicionalmente foi asociado.

O xacemento romano de Bueu foi descuberto no ano 1972 con motivo das obras de reforma da fachada da antiga factoría de Conservas Alonso. Os restos foron localizados na esquina oriental ao pé da Avenida de Beiramar. Pola súa banda a análise dos restos localizados con motivo de traballos arqueolóxicos realizados en Rosalía de Castro de Vigo, permitiron a localización de restos pertencentes a diferentes fases de ocupación que irían da época romana ata a contemporánea, así como os niveis de formación natural, previos á instalación dunha salina romana.

Mario César Vila, Santiago de Compostela, 3-II-2017

Posted in Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.