Mario_César_Vila_Radio_Galega_(Foto_Iván_Calaza_1)

Primeira sección dun programa sobre arqueoloxía na Radio Galega

Durante este mes de agosto, temos o gusto e o honor de realizar a primeira sección dun programa sobre arqueoloxía na Radio Galega. A sección “Arqueoloxía para a xente”, emítese todos os venres de agosto de 17:30 a 18:00 h dentro do espazo A Tarde.

Retransmisión do programa no concello de Guntín o 23 de agosto de 2019

Retransmisión do programa no concello de Guntín o 23 de agosto de 2019

Trátanse de cinco programas nos que se transmitirán de xeito divulgativo e distentido, contidos sobre o noso pasado a través da información que obtén a arqueoloxía e a historia. Cada capítulo abranguerá como tema principal unha das fases xerais da historia da humanidade e os vestixios que quedaron sobre o noso territorio, con entrevistas e conversas ademais sobre diversos aspectos relacionados co mundo da arqueoloxía.

Na páxina web da Radio galega pódese acceder aos podcasts dos programas:

No programa do 2 de agosto, realizouse unha introdución, tendo coma título “Presentación e orixes: o Paleolítico”. Contou ademais coa entrevista a Víctor Rodríguez Muñiz, arqueólogo director das intervencións arqueolóxicas no Castelo de Lobarzán entre Oímbra e Monterrei (Ourense).

O segundo programa do día 9 de agosto, centrouse no Neolítico e o fenómeno megalítico, contando coa entrevista ao arqueólogo Xurxo García García, guía do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, Dolmen de Dombate en Borneiro, Cabana de Bergantiños (A Coruña).

A arqueoloxía galega nas ondas

A arqueoloxía galega nas ondas

Na terceira edición da sección do día 16 de agosto, dedicado ao inicio da metalurxia e aos gravados rupestres prehistóricos, entrevistamos á arqueóloga Elena Taboada Durán, quen coordinou o equipo de guías do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra).

O cuarto programa realizouse en Guntín (Lugo), o día 23 de agosto. Nesta ocasión o programa centrouse na arqueoloxía do concello e na Idade do Ferro e a cultura Castrexa, no que entrevistamos a Carolina Pérez Pérez, restauradora-conservadora do Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo).

O quinto e último programa de A Tarde de Verán, emitiuse desde o Concello de Salceda de Caselas (Pontevedra), o día 30 de agosto. A sección tocou a arqueoloxía do municipio, prestando especial atención á área arqueolóxica do Coto da Cruz. O tema central do espazo estivo dedicado ao proceso de romanización da Gallaecia, contando coa participación maxistral do profesor Xosé Manuel Caamaño Gesto.

Último programa retransmitido desde Salceda de Caselas

Último programa retransmitido desde Salceda de Caselas

Queremos agradecer ao equipo de dirección e produción do programa de A Tarde de Verán, esta pequena pero grande aposta, que supuxo a difusión da arqueoloxía galega a través da radio pública do país. Aos presentadores Vituco Neira, Isabel Pichel e Iván Calaza, así como ao equipo técnico, tanto de exteriores coma no estudo en San Marcos, pola súa grande profesionalidade e calidade humana.

Publicado en Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.