Mario_César_Vila_aula_infantil_02

Presentación da cidade medieval de Santiago de Compostela para alumnado de infantil e primaria

O pasado mes de marzo tivemos o pracer de realizar unha presentación acerca da cidade medieval de Santiago para alumnos de infantil de 5 anos e de 1º de primaria do CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela, acerca da cidade medieval de Santiago.

As aulas inseríronse dentro dunha serie de actividades relacionadas co mundo medieval en xeral e coa cidade de Santiago en particular, que culminará coa recreación dun mercado e cidade medieval no centro escolar nos días 4 e 5 do mes de maio.

DSC_2777

A adaptación dos contidos históricos relacionados con contextos xeográficos próximos nas idades infantís, coma base para a motivación acerca do pasado

Se ben temos ofrecido presentacións sobre as orixes do núcleo galaico-romano de Aseconia, da inventio do sepulcro do apóstolo Santiago, das fases de construción das basílicas e catedral, do nacemento, desenvolvemento e configuración da cidade medieval e da relación desta co castelo da Rocha Forte, o certo é que nesta ocasión tratouse dun reto ao ter que adaptar ditos contidos ao público infantil.


https://www.kizoa.es/Editar-Videos-Movie-Maker/d102710356k4975244o1l1/charla-castelo-rocha-forte

Nas presentacións conseguimos chamar a atención dos pequenos e pequenas, quen nos amosou a través das súas preguntas, que foron quen de asimilar a información, historiada a partires dun relato que se iniciou coas orixes do núcleo en época galaico-romana e que rematou coa revolta irmandiña e a destrución do castelo da Rocha Forte.

A charla centrouse tamén en cuestións relacionadas, encamiñadas á comprensión e valoración do traballo arqueolóxico, de restauración de bens culturais e do coñecemento histórico en xeral.

O noso recoñecemento ao equipo docente do centro por esta iniciativa, enfocada ao coñecemento e difusión dunha fase histórica fundamental da cidade de Santiago e esencial para comprender o seu actual devir.

Mario César Vila, Santiago de Compostela, 3-IV-2017

Publicado en Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.