Mario_César_Vila_petróglifo

Descobren 50 novos petróglifos en Compostela

Laxes con motivos naturalistas e xeométricos, labirintos, covas, círculos e outros máis complexos, que eran descoñecidos na comarca de Compostela, como escenas de caza e equitación forman parte do repertorio iconográfico da Idade do Bronce que vén de inventariar a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Os concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión procuran financiamento para crear un centro de interpretación comarcal da arte rupestre.

Medio cento destas novas estacións rupestres concentradas en Santiago, Ames, Brión e Teo contan xa con inventario, catalogación e delimitación planimétrica. Esta intervención foi dirixida polo arqueólogo Mario César Vila e contou coa colaboración da Asociación Cultural Colectivo A Rula. O orzamento deste traballo financiado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria foi de 9.225 euros.

O groso dos traballos centrouse nas tarefas de prospección, revisión e documentación sobre 85 estacións con gravados rupestres. No concello de Santiago catalogáronse un total de 43 estacións rupestres inéditas, en Ames documentáronse 7, en Teo 13 e en Brión 2, alén de se adoptaren medidas correctoras urxentes sobre un petróglifo catalogado.

Con anterioridade, no mes de maio do 2016, Patrimonio Cultural realizara traballos de limpeza e documentación para a posta en valor dun petróglifo de Monte Castelo e do control da retirada da vexetación na contorna do gravado da Peneda Negra, no concello de Ames.

Con estes traballos, que contaron cun orzamento de 5.178 euros, facilítase a futura conservación e visita dos gravados, ben como unha proposta de criterios básicos en materia de seguridade visando a previsión de riscos nas visitas, que teñen difícil acceso.

Traballos de catalogación

Traballos de catalogación

Alba Suevos, Sermos Galiza, 28-11-2017,

Publicado en Arqueoloxía.