Diarioculturallogoparaweb

“Cultura arqueolóxica”: sección sobre actualidade arqueolóxica no Diario Cultural da Radio Galega

No pasado mes de setembro abrimos a sección “Cultura arqueolóxica” dentro do espazo Diario Cultural da Radio Galega. A sección trata temas de actualidade arqueolóxica, novidades e temas xerais de interese e divulgación sobre o patrimonio en xeral. A sección emitirase os mércores cada quince días de 17:45 h a 18:00 h alternos. Dende a páxina do programa pódese acceder aos podcasts.

Na primeira edición da temporada, emitida o 11 de setembro de 2019 , realizamos unha presentación do espazo e entrevistasmos ao profesor Ramón Fábregas Valcarce, catedrático de Prehistoria da USC e director científico das intervencións no xacemento Paleolítico de Cova Eirós, en Triacastela (Lugo), onde fixo unha achega dos resultados obtidos na campaña deste ano.

Na segunda edición desta temporada, emitida o 2 de outubro de 2019 , entrevistasmos a Ana Martínez Arenaz, Técnica do Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, quen con motivo do 51 aniversario da inauguración do museo, informounos acerca das actividades a celebrar para a conmemoración de dito evento.

Resulta habitual que a xente pregunte que facer ou que non pode facer se ten un xacemento arqueolóxico debaixo da casa ou nunha finca. Na sección do 16 de outubro de 2019 , realizamos unha achega sobre como obter información acerca dos xacementos que poidamos ter na nosa contorna e como proceder de cara á realización dalgunha actuación nunha vivenda ou parcela con cautela arqueolóxica.

Arqueoloxía a carón do Sil. No programa do 30 de outubro de 2019 , preguntamos ao arqueólogo Francisco Alonso sobre os últimos achados entre Valdeorras e Sober.

Posted in Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.