Castelo de A Rocha Forte (Concello de Santiago de Compostela)

Coordinación do Proxecto para o estudo, recuperación e posta en valor da fortaleza de A Rocha Forte (Santiago de Compostela)

O Castelo da Rocha Forte está situado no extremo S do concello de Santiago de Compostela, a uns 3 km  ao SW do seu centro histórico.

A primeira referencia documental coñecida da fortaleza data do ano 1255 e está incluída nas Constitucións Capitulares do arcebispo D. Juan Arias. O castelo acadará un grande esplendor durante o seu pontificado.

Ademais do seu uso como pazo residencial arcebispal, a fortaleza tivo un papel fundamental no control militar e fiscal dos accesos e saídas da cidade polo SW.

  • Castelo de A Rocha Forte (Concello de Santiago de Compostela)

A fortaleza foi utilizada coma imaxe de poder e instrumento de control da cidade por parte do señor eclesiástico. Ao longo da súa historia, será asediada en varias ocasións, durante as loitas entre o poder burgués e a nobreza laica contra o poder arcebispal. A fortificación da Rocha Forte será demolida no ano 1466, durante as revoltas Irmandiñas.

O castelo ten planta cadrada, con catro torres circulares de cantería nas esquinas e unha superficie de aproximadamente, 3500 m2.. A entrada, situada ao oeste, está reforzada por dous torreóns. Rodeando a muralla principal érguese a barbacá.

Entre os anos 2001 e 2009, realizáronse ata un total de 6 actuacións arqueolóxicas no xacemento, centradas, fundamen-talmente, na escavación e restauración das murallas e liza nos sectores SW e SE.

No ano 2013, xunto co Departamento de Arqueoloxía do Concello de Santiago, coordinamos o Proxecto arqueolóxico para o estudo, recuperación e posta en valor de A Rocha Forte, actuación subvencionada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e promovida polo Concello de Santiago. As actuacións realizadas foron as seguintes:

– Traballos de acondicionamento previo (Roza, retirada de torre eléctrica e valado do xacemento).

– Estudo, escavación e restauración (Estudo de documentación histórica, escavación arqueolóxica, restauración e estudo do xacemento).

– Acondicionamento e posta en valor do xacemento (Redacción do anteproxecto para acondicionamento do castelo e deseño e instalación de paneis informativos exteriores).

– Valado definitivo do castelo

– Realización de publicación

– Realización de páxina web

– Topografía e fotografía aérea do xacemento

Se ben as actuacións apareceron presentadas en apartados independentes, estas estiveron estreitamente relacionadas. No referente a tempos e prazos de execución, a maior parte das intervencións desenvolvéronse de xeito concatenado xa que a finalización dun traballo (e os seus resultados) foron imprescindibles para o inicio do seguinte. A maior parte das diferentes actuacións foron executadas de xeito simultáneo.

Durante a realización dos traballos de coordinación, comprobouse o estado de desenvolvemento e resultados das actividades desenvolvidas, valorándose o grao de cumprimento dos obxectivos establecidos.

As actuacións do Proxecto arqueolóxico para o estudo, recuperación e posta en valor de A Rocha Forte (Santiago de Compostela, A Coruña), efectuáronse nos prazos establecidos, durante o ano 2013.

Toda a información pódese consultar na páxina monográfica do proxecto.

Publicado en Arqueoloxía, Blogue, Enxeñería cultural, Historia, Patrimonio.