Diarioculturallogoparaweb

“Cultura arqueolóxica”: sección sobre actualidade arqueolóxica no Diario Cultural da Radio Galega

No pasado mes de setembro abrimos a sección “Cultura arqueolóxica” dentro do espazo Diario Cultural da Radio Galega. A sección trata temas de actualidade arqueolóxica, novidades e temas xerais de interese e divulgación sobre o patrimonio en xeral. A sección emitirase os mércores cada quince días de 17:45 h a 18:00 h alternos. Dende a páxina do programa pódese acceder aos podcasts.

Na primeira edición da temporada, emitida o 11 de setembro de 2019 , realizamos unha presentación do espazo e entrevistasmos ao profesor Ramón Fábregas Valcarce, catedrático de Prehistoria da USC e director científico das intervencións no xacemento Paleolítico de Cova Eirós, en Triacastela (Lugo), onde fixo unha achega dos resultados obtidos na campaña deste ano.

Na segunda edición desta temporada, emitida o 2 de outubro de 2019 , entrevistasmos a Ana Martínez Arenaz, Técnica do Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, quen con motivo do 51 aniversario da inauguración do museo, informounos acerca das actividades a celebrar para a conmemoración de dito evento.

Resulta habitual que a xente pregunte que facer ou que non pode facer se ten un xacemento arqueolóxico debaixo da casa ou nunha finca. Na sección do 16 de outubro de 2019 , realizamos unha achega sobre como obter información acerca dos xacementos que poidamos ter na nosa contorna e como proceder de cara á realización dalgunha actuación nunha vivenda ou parcela con cautela arqueolóxica.

Arqueoloxía a carón do Sil. No programa do 30 de outubro de 2019 , preguntamos ao arqueólogo Francisco Alonso sobre os últimos achados entre Valdeorras e Sober.

Política_sistema_calidade_horizontenorte

Política do Sistema de Xestión

No noso afán por lograr unha maior calidade nas diferentes actividades recollidas dentro do alcance:

“Servizos en arqueoloxía e xestión do patrimonio cultural”

desenvolvida por MARIO CÉSAR VILA, comprometémonos coa implantación do Sistema de Xestión de Calidade acorde cos requisitos da Norma UNE-EN-ISO 9001:2015 coa fin de alcanzar un maior compromiso cara a calidade do servizo prestado así como a facer cumprir os principios seguintes:
– Asegurar a satisfacción dos nosos clientes baseándonos nunha filosofía de facer as cousas ben á primeira.
– Cumprir con todos os requisitos impostos polos nosos clientes, así como todos aqueles de tipo legal, reglamentario ou de calquera outro tipo que no campo da calidade que nos fosen requiridos.
– Comprometernos a mellorar de forma continua a calidade dos nosos traballos.
– Fomentar a participación de todo o persoal na mellora e funcionamento do Sistema de Xestión de calidade implantado.
– Compromiso da dotación de medios e recursos humanos e materiais necesarios para a consecución dos obxectivos establecidos.
– Compromiso de medre continuo e organizado, abrindo cota no mercado.
Esta Política é responsabilidade de todos e cada un dos integrantes da Organización, é comunicada para o seu coñecemento, comprensión e cumprimento e está a disposición de toda persoa ou entidade que o solicite. Ademais esta política revísase, analizándoa e actualizándoa para a súa continua adecuación.
A Dirección
Mario César Vila

Santiago de Compostela, a 15 de outubro de 2019

HORIZONTENORTE_POLÍTICA_CALIDADE

Información seguimento e avaliación de proveedores

Informámoslle que HORIZONTENORTE, seguindo os requisitos do sistema de calidade baseado na norma ISO 9001: 2015 que implementamos, avalía anualmente o desempeño de todos os seus provedores de bens e servizos, en función do número de incidentes rexistrados ao longo do ano, período analizado, así como da súa importancia.

Pensarcoasmanswebokfcb (1)

Dúas pezas de cerámica medieval na exposición “Pensar coas Mans” no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura

O vindeiro 8 de setembro remata a exposición “Pensar coas mans” , no Museo Gaiás da Cidade da Cultura. A exposición abordou a cestería, cerámica e xoiería de Galicia, desde as orixes ata a actualidade.

A nosa aportación baseouse no estudo de dúas pezas cerámicas de Época Medieval, para a exposición e catálogo.

Ola baixomedieval de San Paio de Antealtares

Ola baixomedieval de San Paio de Antealtares

Trátanse dunha ola procedente da intervención en San Paio de Antealtares nº 20, de Santiago de Compostela, depositada no Museo das peregrinacións e de Santiago , así como dunha xerra votiva atopada na sauna galaico-romana de Santa Mariña de Augas Santas en Allariz (Ourense) e reempregada coma cripta da igrexa románica, conservada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense .

Xerra votiva de Santa Mariña de Augas Santas, datada entre o 1276-1300

Xerra votiva de Santa Mariña de Augas Santas, datada entre o 1276-1300

A produción de cerámica común medieval terá un peso fundamental (non suficientemente recoñecido), na formación das olerías modernas e tradicionais, estando a día de hoxe clasificada e estandarizada en Galicia, a partires dos nosos estudos.

Mario_César_Vila_Radio_Galega_(Foto_Iván_Calaza_1)

Primeira sección dun programa sobre arqueoloxía na Radio Galega

Durante este mes de agosto, temos o gusto e o honor de realizar a primeira sección dun programa sobre arqueoloxía na Radio Galega. A sección “Arqueoloxía para a xente”, emítese todos os venres de agosto de 17:30 a 18:00 h dentro do espazo A Tarde.

Retransmisión do programa no concello de Guntín o 23 de agosto de 2019

Retransmisión do programa no concello de Guntín o 23 de agosto de 2019

Trátanse de cinco programas nos que se transmitirán de xeito divulgativo e distentido, contidos sobre o noso pasado a través da información que obtén a arqueoloxía e a historia. Cada capítulo abranguerá como tema principal unha das fases xerais da historia da humanidade e os vestixios que quedaron sobre o noso territorio, con entrevistas e conversas ademais sobre diversos aspectos relacionados co mundo da arqueoloxía.

Na páxina web da Radio galega pódese acceder aos podcasts dos programas:

No programa do 2 de agosto, realizouse unha introdución, tendo coma título “Presentación e orixes: o Paleolítico”. Contou ademais coa entrevista a Víctor Rodríguez Muñiz, arqueólogo director das intervencións arqueolóxicas no Castelo de Lobarzán entre Oímbra e Monterrei (Ourense).

O segundo programa do día 9 de agosto, centrouse no Neolítico e o fenómeno megalítico, contando coa entrevista ao arqueólogo Xurxo García García, guía do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, Dolmen de Dombate en Borneiro, Cabana de Bergantiños (A Coruña).

A arqueoloxía galega nas ondas

A arqueoloxía galega nas ondas

Na terceira edición da sección do día 16 de agosto, dedicado ao inicio da metalurxia e aos gravados rupestres prehistóricos, entrevistamos á arqueóloga Elena Taboada Durán, quen coordinou o equipo de guías do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra).

O cuarto programa realizouse en Guntín (Lugo), o día 23 de agosto. Nesta ocasión o programa centrouse na arqueoloxía do concello e na Idade do Ferro e a cultura Castrexa, no que entrevistamos a Carolina Pérez Pérez, restauradora-conservadora do Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo).

O quinto e último programa de A Tarde de Verán, emitiuse desde o Concello de Salceda de Caselas (Pontevedra), o día 30 de agosto. A sección tocou a arqueoloxía do municipio, prestando especial atención á área arqueolóxica do Coto da Cruz. O tema central do espazo estivo dedicado ao proceso de romanización da Gallaecia, contando coa participación maxistral do profesor Xosé Manuel Caamaño Gesto.

Último programa retransmitido desde Salceda de Caselas

Último programa retransmitido desde Salceda de Caselas

Queremos agradecer ao equipo de dirección e produción do programa de A Tarde de Verán, esta pequena pero grande aposta, que supuxo a difusión da arqueoloxía galega a través da radio pública do país. Aos presentadores Vituco Neira, Isabel Pichel e Iván Calaza, así como ao equipo técnico, tanto de exteriores coma no estudo en San Marcos, pola súa grande profesionalidade e calidade humana.

Horizontenorte_Rocha_Forte_2017_02

Servizo de mantemento do Castelo de A Rocha Forte (Santiago de Compostela)

Estes traballos teñen coma obxectivo a realización das tarefas de mantemento e conservación do castelo de A Rocha. Estas accións deben entenderse, de acordo co estipulado na Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, como unha intervención arqueolóxica no xacemento “…encamiñada a favorecer a súa conservación e preservación e que, en consecuencia, permitan o seu desfrute e acceso público e faciliten a comprensión e uso social”.

Restos da fortaleza de A Rocha Forte

Restos da fortaleza de A Rocha Forte

Cálago_escavacións_cartel_2018

Conferencia acerca dos resultados da campaña arqueolóxica de 2018 no castro e mosteiro de Cálago

O pasado 24 de abril realizamos xunto ao arqueólogo Francisco Alonso Toucido, a presentación dos resultados das intervencións no 2018 no castro de Cálago (Vilanova de Arousa), na igrexa da Pastoriza.

Os traballos de sondaxes arqueolóxicas valorativas realizadas entre os días 27 de setembro e o 24 de outubro de 2018 , no castro e mosteiro de Cálago, foron promovidos a través dun convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e Concello de Vilanova de Arousa, co obxectivo de fomentar o coñecemento e avaliar a potencialidade arqueolóxica do xacemento arqueolóxico do castro e mosteiro de Cálago, constituíndo o campanario a iconografía do escudo municipal.

Inicialmente a proposta contemplaba a apertura de tres sectores emprazados na terraza N do castro, seguindo a disposición e concentración de certas anomalías detectadas tras os traballos de prospección xeofísica. Unha vez abertos os tres sectores na terraza N e á vista dos resultados obtidos, optouse por abrir dous sectores de escavación no interior da croa. O sector 4 abriuse ao N da mesma e limitando polo N coa muralla, onde existían evidencias de restos arqueolóxicos no acceso practicado polos particulares sobre o noiro nesa zona e o 5 na parte NW da croa servindo de ampliación á cata 2, aberta en 2017 e en cuxo perfil S foran localizados os lenzos de 2 muros.

Presentación dos resultados da campaña de 2018 na Igrexa da Pastoriza de Vilanova de Arousa

Presentación dos resultados da campaña de 2018 na Igrexa da Pastoriza de Vilanova de Arousa

Un dos obxectivos desta actuación foi o de poder localizar estruturas murarias de cara a unha futura posta en valor de restos construtivos.

SECTOR 1: Sector emprazado na terraza norte do castro, na parte NW da mesma. Presentou unhas dimensións de 5×5 m, cunha superficie total escavada de 25 m². Neste sector localizáronse varias negativas escavadas no xabre de tipoloxía indeterminada, de época galaico-romana, con abundante material cerámico.

SECTOR 2: Sector emprazado na terraza N do castro, na parte central da mesma, cunhas dimensións de 5×5 m, e unha superficie total escavada de 25 m². Neste sector localizáronse varias negativas escavadas no xabre de tipoloxía indeterminada e un foso situado na parte SE do sector, colmatado por diferentes depósitos de terra e varios depósitos de cunchas. Neste sector deixouse unha testemuña sen escavar de 1 m de ancho e 5 m de lonxitude na parte W. Na parte SE abriuse unha calicata de 1,50 m de ancho por 1,50 m de lonxitude, cunha profundidade de 1,90 m, non chegando a acadar a parte máis baixa da interfacies. Neste sector documentouse grande cantidade de material cerámico e ósos, procedentes de varios niveis de cuncheiro.

SECTOR 3: Sector emprazado na terraza N do castro, na parte NE da mesma. Presentou unhas dimensións de 10 m de lonxitude por 2 m de ancho con orientación E-W, cunha superficie total escavada de 20 m². Neste sector localizouse unha pequena gabia na parte E con dirección N-S de época galaico-romana e unha pequena fosa indeterminada na parte N, escavada dentro dun depósito de orixe natural (Ue131) e que posiblemente sexa tamén de orixe natural, quizais orixinado por algunha raíz.

SECTOR 4: Sector situado na parte N da croa xusto no límite coa muralla. Presentou unhas dimensións de 7×7 m, cunha superficie total escavada de 49 m². Neste sector foron localizados os restos dunha estrutura de tipoloxía castrexa ou indíxena de planta circular, de 6,30 m de diámetro externo e 5,35 m de diámetro interno e entre 40-50 cm de anchura. Documentouse asociado a elas grande cantidade de material cerámico e dúas pezas de bronce.

SECTOR 5: Sector situado na parte NW da croa próximo á muralla. Presentou unhas dimensións de 3×4 m con orientación E-W e unha superficie total escavada de 12 m². Neste sector foron localizados 2 muros en planta na parte N do mesmo que xa foron documentados no perfil N da sondaxe 2 da intervención de 2017 e un derrubo de pedra, tegula e terra. Asociado a estas estruturas, recolleuse grande cantidade de material cerámico.

En canto os materiais arqueolóxicos o número total de fragmentos documentados durante a intervención foi de 1576. De estes, 1550 son fragmentos cerámicos, 1 fragmento de argamasa, 14 líticos (entre os que destaca un fragmento de muiño circular), 5 metais dos cales 3 son bronces, 4 fragmentos de palla barro e 2 vidros.
A gran maioría das pezas identificadas adscríbense á Segunda Idade do Ferro e a Época Romana Altoimperial, se ben localízanse nos niveis superiores e alterados materiais de épocas posteriores correspondentes á Idade Media, Época Moderna e Época Contemporánea.
O maior número de materiais recuperados pertencen a cerámica castrexa, correspondente á Segunda Idade do Ferro do NW peninsular, abranguendo dende o S. IV a.C. ata o cambio de era. Os individuos estudados poden enmarcarse dentro da rexión oleira castrexa coñecida como das Rías Baixas-Miño.

En canto á cerámica romana, localizouse un pequeno fragmento de cerámica campaniense, que amplía o mapa de distribución aos escasos achados no noroeste peninsular. Ademais desta, as produccións e tipos identificados corresponden terra sigillata hispánica altoimperial, á forma anfórica Haltern 70, os ou varios tipos de cerámica común romana (olas, pratos engobados, morteiros e imitacións), que permiten facer unha achega cronolóxica ao mundo tardorepublicano e altoimperial romano, que iría grosso modo do II a.C. ata o seculo III d.C. A cerámica común de tradición indíxena aparece en varios depósitos, xunto con cerámica de Época Romana. As evidencias materiais permiten polo tanto considerar para o castro fases de uso previas ao cambio de era, manténdose a ocupación en época altoimperial.
As importacións de cerámica campanienese, terra sigillata así como as ánforas documentadas, evidencian unha actividade comercial importante, relacionada co mundo marítimo, dada a localización do xacemento.

Durante a execución do proxecto, realizáronse visitas abertas ao público, nas que participaron numerosos veciños, veraneantes, turistas, público infantil local, así coma de carácter institucional. As visitas foron realizadas a diario por parte dos membros do equipo de escavación, cuxo éxito levou en varias ocasións a establecer varios grupos.

Así mesmo, realizáronse numerosas presentación e roldas de prensa aos medios de comunicación, expoñendo os resultados da intervención e achados máis significativos.

Tamén foron cubertas novas nas redes sociais e web do concello de Vilanova de Arousa.

Mario_César_Vila_bosque_Holoceno_3

Hai 8.000 anos Vigo e parte da sua ría eran un bosque

Con motivo da dirección das actuacións arqueolóxicas realizadas na Parcela 4 da U.A. I-06 Rosalía de Castro 2 de Vigo (Pontevedra), efectuadas coma membro do equipo da empresa GESIT ARQUEOLOXÍA, en agosto dos 2018 foron localizados a 13 m de profundidade respecto da actual rúa, madeiras en forma de troncos e polas que indican a presenza dun antigo bosque de inicios do Holoceno, cuns 8.000 anos de antigüidade, segundo aportaron os resultados das datacións radiocarbónicas practicadas.

O xacemento con paleoflora estudado, constitúe un rexistro inédito no contexto da cidade de Vigo e galego. Conta dunha ampla acumulación de diferentes elementos de vexetación superior, en perfecto estado de conservación, aínda que sen mineralizar, que constitúen os restos dun bosque desenvolto sobre substrato areoso e cuberto de fangos en condicións de humidade permanente, feito que permitiu a súa conservación.

Estes restos constitúen un exemplo único coñecido no contexto do NW da Península Ibérica neste rangos de profundidade. Á espera da identificación taxonómica dos individuos representados, os datos actuais fan pensar que se trata de especies de condicións frías.

Vista xeral dos restos do bosque

Vista xeral dos restos do bosque